Apple presenta a súa integración do iPhone no automóbil
luns, 3 de marzo do 2014
Apple anunciou
hoxe a súa nova tecnoloxía para introducir o seu iPhone no automóbil dun xeito
máis intelixente, seguro e divertido, CarPlay, que facilitará a realización
de chamadas, o uso de mapas, a reprodución musical e o acceso a mensaxes
mediante ordes de voz ou de xeito táctil dende o propio cadro de instrumentos
do vehículo, aínda polo momento serán poucos os que poidan gozar desta
solución, xa que o lanzamento de CarPlay
esta semana vai limitarse a uns poucos modelos de coches das marcas Ferrari,
Mercedes-Benz e Volvo, aínda que máis adiante espérase que chegue a marcas como
BMW, Ford, General Motors, Honda, Hyundai, Jaguar, Kia, Mitsubishi, Nissan, Citroën,
Subaru, Suzuki e Toyota.
CarPlay busca axudar ao condutor a usar o seu iPhone mentres vai ao volante coa
menor distracción posible, aproveitando Siri para poder acceder aos contactos,
facer chamadas, devolver mensaxes perdidas ou escoitar chamadas na caixa de
voz. Siri tamén pode ler en voz alta as mensaxes e notificacións recibidas no
móbil, para que o condutor non teña que afastar a vista da estrada, permitindo
tamén responder de volta ou ditar unha resposta textual.
Con esta tecnoloxía tamén se facilita a navegación GPS e permite aos condutores
acceder á súa música, podcasts, audiolibros ou incluso a iTunes Radio (ou
solucións de terceiros como Spotify), permitindo tamén empregar Siri para dar
instrucións sobre o que queremos escoitar.
Apple CarPlay chegará a iOS 7 a través dunha actualización e funciona cos
smartphones de Apple con conector Lightning (a partir do iPhone 5). Estará
dispoñible ao longo do ano nun número limitado de vehículos.