Apple presenta o seu casco de realidade aumentada
luns, 5 de xuño do 2023
Durante
a conferencia de apertura da WWDC23, Tim Cook saíu ao escenario a presentar One
More Thing, o que resultou ser o casco de realidade aumentada Apple Vision Pro, que a compañía
da mazá describe como un revolucionario ordenador espacial que achega contido
dixital ao mundo físico á vez que permite estar presente e conectar cos demais.
Este dispositivo que funciona con visionOS aproveita o coñecemento
desenvolvido durante os últimos anos co software de realidade aumentada de
Apple, pero consegue levar a experiencia un paso máis adiante do resto de
solucións que hai no mercado ao integrar no casco unhas pantalla de ultra alta
resolución que reparten entre ambos ollos 23 Mpíxeles, ou sexa, que sería o
equivalente a ter unha pantalla 4K para cada ollo (cando a meirande parte das
solucións no mercado aproxímanse a unha resolución Full HD), o que confían que
permite unha maior inmersión e a posibilidade de amosar contidos propios de
equipos informáticos, pero integrados virtualmente no noso contorno.
Deste xeito o Apple Vision Pro servirían para facer as funcións de pantalla de
cine, para simular varios monitores no noso escritorio ou para gozar das típicas
experiencias de realidade aumentada que podemos ver no iPad ou no iPhone, pero
dun xeito máis persoal, xa que o casco reproduciría nas súas pantallas toda esa
información mesturada co contorno que nos rodea, que rexistraría de xeito
estereoscópico (ou sexa, tendo en conta o seu volume).
Apple cre que este tipo de tecnoloxía pode empregarse de xeito natural
combinando a vista do usuario, as mans e a voz, ou sexa, que fuxe dos mandos
polos que apostan os cascos de realidade virtual para xogar (aínda que
estes tamén permiten detectan mans e recoñecen voz dende hai bastante tempo), e
integrarían tamén un sistema de son espacial para que as experiencias fosen
aínda máis inmersivas.
Un dos detalles máis interesantes desta solución de Apple é que sería compatible
con moitos traballos previos para iOS e iPadOS, de xeito que poderiamos ver
como no noso contorno flotan aplicacións propias dos dispositivos de Apple,
como poderían ser as videoconferencias, o software de presentacións, o software
de oficina... ou sexa, que se centran bastante nas posibilidades desta
tecnoloxía para o traballo.
Unha das cousas máis rechamantes do casco de Apple é que inclúe EyeSight, que é
unha especie de pantalla exterior que en tempo real pretende simular os ollos
do usuarios, dando a impresión de que o Apple Vision Pro é unha máscara de
mergullo, xerándose tal imaxe de xeito sintético, polo que haberá que ver se
conseguen que resulte natural o efecto ou cree rexeitamento polos usuarios.
O deseño do casco é moi semellante o que podemos ver, por exemplo, co casco
Meta Quest 3, aínda que apostando por materiais de alta calidade, e optando por
que a batería non estea no propio casco, senón que sexa como unha batería
externa conectada mediante MagSafe, de xeito que así alixéirase o peso do casco
e permítese un uso continuado maior.
O casco Apple Vision Pro funciona cun procesador Apple Silicon, polo que terá
un desempeño notable, e as súas pantallas micro-OLED cunhas lentes que prometen
grande nitidez, aínda que tamén pensaron nas persoas con carencias visuais, e será
posible empregar acoples da marca ZEISS para corrixir os problemas de visión
mantendo a fidelidade visual e a precisión da tecnoloxía de seguimento de
visión integrada.
Este novo produto está equipado con 12 cámaras, 5 sensores e 6 micrófonos, polo
que realmente estamos ante un desenvolvemento notable, cun grande potencial,
pero tendo como grande dúbida a súa promesa de permitir o seu uso durante todo
o día, non tanto porque a súa batería só dure até 2 horas, senón polo mero
feito da fatiga que pode provocar o seu uso continuado.
Pese ao prometedora que poida resultar esta tecnoloxía, parece estar bastante lonxe
do grande público, xa que o casco Apple Vision Pro sairá á venda a primeiros de
2024 a un prezo que partirá dos 3.499 dólares, para chegar logo a máis países,
polo que non parece que vaia ser un produto que na súa primeira versión vaia
ser un grande éxito, o que tamén podería provocar reticencias por parte dos
desenvolvedores, que dificilmente atoparán rendible investir esforzos nun
produto de elite.
Vídeo promocional do casco Apple Vision Pro