Apple presenta unha nova solución de escritorio para profesionais

martes, 8 de marzo do 2022 Marcus Fernández

A novidade máis importante presentada por Apple no seu evento de hoxe é o da súa arquitectura de empaquetado UltraFusion coa que conseguen unir dous chips M1 Max para crear un sistema M1 Ultra que consegue uns niveis de rendemento e capacidades sen precedentes, facendo posible o novo equipo de escritorio Mac Studio.
O procesador M1 Ultra pode controlar até 128 GB de memoria unificada, 20 núcleos de CPU, 64 núcleos de GPU e 32 núcleos de motor neural, conseguindo que profesionais do vídeo ou do deseño 3D poidan contar cunha solución de Apple para traballos esixentes.
Aínda que bote a andar nun equipo de escritorio, o M1 Ultra presume dun consumo eficiente, polo que consegue menor consumo enerxético e tamén que os seus ventiladores fagan menos ruído mentres o procesador realiza cálculos pesados.

Mac Studio

O Mac Studio pode considerarse como unha versión avanzada do Mac Mini, que incrementando o seu tamaño pode albergar procesadores de Apple máis potentes, como o M1 Max no seu modelo máis básico ou o M1 Ultra, que iría dirixido a profesionais máis esixentes. Para facernos unha idea da potencia destes equipos, o Mac Studio cun M1 Max multiplicaría por 2,5 o desempeño de CPU o iMac de 27 polgadas máis rápido, mentres que cun M1 Ultra multiplicaría tal velocidade por 3,8, demostrando ser máquinas cun rendemento válido para traballos profesionais.
Aparte de potencia, os Mac Studio tamén destacan pola súa conectividade, estando equipados na súa traseira con 4 portos Thunderbolt 4, un porto Ethernet de 10 Gbps, 2 portos USB-A, un porto HDMI e unha toma para auriculares, mentres que na frontal tamén conta con 2 portos USB-C e un lector de tarxetas SD. Tamén integra Wi-Fi 6 e Bluetooth 5.0.
Este equipo presume de poder mover comodamente varias pantallas á vez, de xeito que podemos equipalo con até 4 monitores Pro Display XDR e un televisor 4K, converténdose nunha solución moi interesante para profesionais do vídeo.
O Mac Studio con procesador M1 Max parte dun prezo de 2.329 euros (con 32 GB de RAM e 512 GB de SSD) e con procesador M1 Ultra partiría dun prezo de 4.629 euros (con 64 GB de RAM e 1 TB de SSD) chegando aos 9.229 euros na súa configuración máis completa.

Studio Display

Como un bo complemento para o Mac Studio temos o Studio Display, un monitor 5K de 27 polgadas con boa cámara e altofalantes, que está deseñado en aluminio e pode equiparse cun soporte que permite axustar a súa inclinación e mesmo xiralo 90 graos (opción que ten un sobrecusto de 460 euros). Ten un brillo de 600 nits, a súa cámara web de 12 Mpíxeles ten un ultra grande angular e soporta o encadre centrado en videoconferencias (pois o propio monitor integra un procesador A13 Bionic), os seus seis altofalantes soportan Dolby Atmos e tamén teñen 3 micrófonos cos que busca recoller a voz do xeito máis limpo posible.
O Studio Display tamén está equipado con 3 portos USB-C, que incluso poderían transmitir 96 watts para alimentar un MacBook Pro de 14 polgadas, reducindo así o número de cables no escritorio.
Este monitor sairá á venda o vindeiro día 18 por 1.779 euros no modelo con vidro estándar e a 2.029 euros con vidro nanotexturizado, e Apple tamén venderá versións en negro do Magic Keyboard con Touch ID, do Magic Trackpad e do Magic Mouse para que casen esteticamente no escritorio.

Vídeo promocional dos novos Mac Studio e Studio Display

PUBLICIDADE