Apple renova o MacBook e o MacBook Air
martes, 19 de abril do 2016
Sen agardar á celebración da WWDC (entre os días 13 e 17 de xuño)
Apple decidiu renovar hoxe os seus equipos portátiles, comezando polo polémico MacBook, que mantén as súas
principais eivas (como basear a súa conectividade física nun único porto USB-C
e ter un prezo moi elevado), e limitaríase a actualizar as súas tecnoloxías
polas versións actuais (o que supón maior velocidade e autonomía) sendo o
cambio máis visible neste equipo que agora ofrécese en catro cores, ou sexa,
que ás cores prata, ouro e gris espacial incorpórase a cor ouro rosa, tal e
como acontece con outros produtos de Apple renovados recentemente.
Apple presume do feito de que o MacBook é o Mac máis lixeiro (0,92 quilos) e
delgado (035-1,31 centímetros) até a data, sendo a súa renovación técnica
bastante predicible, xa que agora integra procesadores Intel Core M de sexta
xeración e dobre núcleo até 1,3 GHz con Turbo
Boost até 3,1 GHz, memoria a 1.866 MHz, gráfica Intel HD 515 (o que supón
unha mellora do desempeño até un 25%) e almacenamento flash en PCIe máis
rápido, conseguindo tamén incrementar a autonomía até unha hora (de xeito que
podería funcionar até 10 horas navegando pola web ou 11 horas reproducindo
vídeo) co que busca ser un equipo ideal para traballar en mobilidade.
Os novos MacBook chegan en dous modelos, un con procesador Intel Core m3 a 1,1
GHz e 256 GB de almacenamento interno que véndese por 1.449 euros, e outro con
procesador Intel Core m5 a 1,2 GHz e 512 GB de almacenamento interno por 1.799
euros. Temos así unha actualización que agradecerán os que xa tivesen tomado a
decisión de mercar un MacBook (xa que conseguirían máis polo mesmo prezo) pero
supón toda unha
decepción para os que confiaban en que este produto corrixise os seus
principais defectos para competir con produtos como o HP
Spectre, que vai poder comercializarse coa cabeza moi alta nos vindeiros
meses, por conseguir consolidar a súa posición de portátil delgado, potente e
elegante.
Novo MacBook Air
Pero o MacBook non foi o único portátil renovado, e tamén mudou
lixeiramente o MacBook Air,
que como principal cambio ten que para o modelo de 13 polgadas converteu como
configuración básica os 8 GB de memoria RAM. O modelo de 13 polgadas tamén
mellora a súa resolución de pantalla de 1.280 x 800 píxeles a 1.440 x 900
píxeles, que aínda que mantense lonxe das pantallas Retina, supón unha
interesante mellora para un equipo que prefire manter unhas especificacións
contidas para, por exemplo, poder navegar pola web até 12 horas seguidas cunha
única carga.
Temos así como o MacBook Air de 13 polgadas, pese a manter o prezo, ao dobrar a
cantidade de RAM e incrementar a resolución de pantalla si podería considerarse
como unha actualización moi de agradecer, xa que estamos ante un ordenador
portátil que parte dun prezo de 1.099 euros, polo que mantense como un dos
portátiles de entrada preferidos polos usuarios.