Apple renova o seu MacBook Pro con pantalla de 17 polgadas

mércores, 7 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

Durante a Macworld Expo Apple anunciou o novo ordenador portátil MacBook Pro con pantalla de 17 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1200 píxeles e retroiluminación LED, carcasa unibody de aluminio (que adoptaran hai pouco os MacBook) e inclúen unha batería de longa duración (ata 8 horas de autonomía segundo Apple) pero que por desgraza non se pode extraer por parte do usuario (o que pode provocar moitas molestias para certo perfil de usuario, pese a que Apple o venda coma unha revolución).
O novo portátil funciona cun procesador Intel Core 2 Duo a 2,66 ou 2,93 GHz, 4 ou 8 Gb de RAM, ata 320 Gb de disco duro ou 256 Gb de SSD, pesa 2,99 quilos (o que podería ser o portátil máis lixeiro dentro deste rango de tamaño) e parte dun prezo que parte dos 2.399 euros (ata máis de 4.600 euros).
En potencia gráfica os novos MacBook Pro contan con dúas tarxetas gráficas (unha nVIDIA 9400M e unha nVIDIA 9600M GT) para utilizar segundo a potencia que precisemos (optimizando a autonomía do equipo), o que se agradece especialmente por contar cunha pantalla de acepta alta definición, e que mesmo se pode adquirir en versión mate (para o que hai que pagar 45 euros adicionais) detalle que agradecen especialmente deseñadores gráficos ou profesionais da edición de vídeo.

PUBLICIDADE