Apple renova os MacBook Air e Mac Mini

mércores, 20 de xullo do 2011 Marcus Fernández

Aproveitando o lanzamento do Mac OS X Lion, Apple renovou parte dos seus equipos, sendo especialmente rechamante o cambio dos seus portátiles, de xeito que MacBook Air está dispoñible agora con procesadores Intel Core i5 de dobre núcleo (con opción de i7), con 2/4 Gb de RAM, 64-256 Gb de almacenamento SSD, gráfica Intel HD Graphics 3000 e un prezo de entre 949 e 1499 euros nas súas configuracións de referencia, o que tivo como principal consecuencia a desaparición do catálogo de Apple do MacBook branco, que carecía de sentido agora que o MacBook Air o superaba en prestacións e parte dun prezo máis reducido.
A saída de catálogo do MacBook podería resultar interesante para os usuarios que queiran facerse cun a un prezo atractivo, pois é de agardar que nos vindeiros días poida atoparse en liquidación en distintos establecementos.
Tamén se actualizan os Mac Mini, que tamén integran procesadores Intel Core i5 a 2,3/2,5 GHz e Core i7 a 2,7 GHz, 2/4 Gb de RAM, conexión Thunderbolt, compatibilidade con Mini DisplayPort (que permite enchufar ata 6 dispositivos en serie), gráfica Intel HD Graphics 3000 ou AMD Raden HD con 256 Mb de memoria, dende 500 Gb de disco duro a 5.400 rpm (ampliable a 72.000 rpm ou a unidade SSD de 256 Gb), Gigabit Ethernet, Firewire 800, HDMI, lector de tarxetas SDXC, 4 portos USB 2.0, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e a notable ausencia de unidade óptica. Os seus prezos de referencia son de 599 e 799 euros, e tamén conta cunha versión Server cunha configuración bastante potente por 999 euros.

PUBLICIDADE