Apple renova os seus portátiles e detalla o lanzamento do seu reloxo de pulso
luns, 9 de marzo do 2015
Esta tarde esperábase que o evento convocado por Apple
servise para debullar o lanzamento do seu novo reloxo de pulso, pero a compañía
de Cupertino quixo ofrecer moito máis, anunciando outros servizos e produtos
novos, para o que comezaron falando do audiovisual: unha vez máis, continúan
sen actualizar o seu Apple TV, e en vez de pór ao día este dispositivo
multimedia, optan por reducir o seu prezo de 99 a 79 euros, como un xeito de
animar aos usuarios que aínda non teñan un a mercalo como un xeito de achegar
os trebellos de Apple ao televisor e de abrir o acceso á tenda de contidos de
Apple ao salón.
HBO NOW
Pero esta novidade non chegaba soa, senón que era a desculpa
para presentar ao público o servizo
HBO NOW, que a partires de abril estará dispoñible para Apple TV, iPad, iPhone
e iPod Touch nos EE.UU. e permitirá aos usuarios contratar os contidos da canle
televisiva HBO para o seu consumo baixo demanda por 14,99 dólares/mes, ou sexa,
o mesmo prezo que ten nos paquetes de televisión por cable, pero sen precisar
da contratación dos mesmos. Este lanzamento chega coa estrea de novos episodios
de Game of Thrones e Silicon Valley, e o primeiro mes do servizo
será de balde, o que podería atraer a moitos consumidores a probar esta experiencia
audiovisual que busca atacar ao modelo tradicional de televisión de pagamento
nos EE.UU.
Compromiso coa investigación médica
Nos últimos meses Apple fixo avances importantes nas súas
plataformas de pagamento e saúde, e o progreso de Apple Pay nos EE.UU.
resultará agora moito máis visible, pois este sistema de pagamento móbil
comezará a funcionar nas máquinas expendedoras de refrescos de Coca-Cola. Pero
no sector da saúde non só conseguiron chegar a acordos con máis institucións
para facilitar o uso do smartphone como centralizador de datos de saúde, senón
que tamén quixeron aproveitar estas posibilidades para a investigación, o que
levounos a preparar unha nova plataforma, ResearchKit, que sorprendentemente
vai ser de código aberto.
Este proxecto polo momento ten xa 5 aplicacións para axudar a usuarios que
padezan asma, Párkinson, diabetes, cancro de peito e problemas
cardiovasculares, servindo estas ferramentas para recoller información con
grande frecuencia e precisión, facilitando o desenvolvemento de investigacións
en base aos datos recompilados. A información tamén terá un retorno directo no
usuario, que recibirá consellos para mellorar a súa vida ou poderá identificar a
idoneidade dos seus hábitos en función das súas condicións en cada momento.
Canta máis información recollida con maior frecuencia conten os investigadores,
máis poderán avanzar os seus estudos, o que repercutirá finalmente en toda a sociedade.
Novos ordenadores portátiles
O catálogo de produtos de Apple continúa a renovarse, e ao
MacBook Pro e o MacBook Air súmase agora un novo MacBook con pantalla de 12
polgadas que é toda unha revolución, xuntando numerosas innovacións nun único
equipo. Pero este novo lanzamento non fai que Apple esqueza os equipos actuais,
e decidiron renovar tanto o MacBook Air coma o MacBook Pro.
Os cambios do MacBook Air dende hoxe mesmo son un tanto discretos, limitándose
á incorporación de procesadores Intel Core de quinta xeración, o que supón
tamén a modernización da súa gráfica e a incorporación da tecnoloxía
Thunderbolt 2, ou sexa, unha simple actualización tecnolóxica natural, que no
caso do modelo con pantalla de 13 polgadas afectaría tamén á súa unidade de
memoria sólida, que podería chegar até a dobrar a súa velocidade. Estes equipos parten dun
prezo de 999 euros (para o modelo de 11 polgadas con 128 GB de
almacenamento interno) e chegaría a unha base de 1.349 euros para o modelo de
13 polgadas con 256 GB de capacidade.
No caso do MacBook Pro con pantalla Retina non só habería o debido cambio de
procesadores pola tecnoloxía máis actual, senón que tamén se modificaría o seu trackpad para incorporar o modelo
deseñado para o MacBook, que inclúe a posibilidade de facer Force Touch, o que muda o xeito de
controlar o equipo. Os
MacBook Pro con pantalla Retina parten dun prezo de 1.449 euros para o seu
modelo con pantalla de 13 polgadas, mentres que os equipos con pantalla de 15
polgadas non recibirían a actualización polo momento.
O reloxo de pulso ultima o seu lanzamento
E tras varios meses de espera, por fin sabemos o que
significa que o Apple Watch sairá á venda a primeiros de 2015, detallándose que
o reloxo de Apple sairá
á venda o 24 de abril en 9 países entre os que non está España. Nestes
territorios o reloxo comezará a verse nas tendas o 10 de abril, cando se abrirá
o proceso de reservas do agardado accesorio do que xa sabemos os seus prezos,
que serían de 349-399 dólares para o Apple Watch Sport, entre 549 e 1.099
dólares para o Apple Watch máis urbano e a partires de 10.000 dólares para o
Apple Watch Edition de outro de 18 quilates.