Arduboy, a consola aberta do tamaño dunha tarxeta de crédito

luns, 11 de maio do 2015 Marcus Fernández

As placas Arduino teñen facilitado numerosas creacións nos últimos meses, e agora está a causar furor en Kickstarter un proxecto que quere aproveitar este produto de hardware aberto para crear unha consola de videoxogos portátil moi básica, con tamaño dunha tarxetas de crédito, a Arduboy, que correría simples xogos de 8 bits e que podería mercarse por 39 dólares (34,96 euros) chegando as primeiras unidades aos seus mecenas no mes de outubro.
Esta curiosa proposta ten un deseño inspirado na Game Boy, integrando nun pequeno tamaño unha pantalla OLED de alto brillo cunha resolución de 128 x 84 píxeles, 6 botóns brandos táctiles (con forma de cruceta e botóns de disparo), altofalante de dúas canles, construción resistente en metal e policarbonato, e batería recargable de 180 mAh cunha autonomía de até máis de 8 horas.
Pero esta peza de hardware non tería ningún uso se non tivese software, e os responsables da Arduboy tamén prepararon Arduboy Arcade, unha plataforma na que calquera editor pode publicar xogos de balde e con código aberto (que poderán ser editados) para esta nova consola portátil entre os que haberá numerosos títulos retro que homenaxean a clásicos como Space Invaders, Asteroids, Arkanoid e incluso Pokémon.
Temos así unha nova plataforma aberta que pode aproveitarse para introducir á mocidade no desenvolvemento de videoxogos, para o que publicarán ofrecen lotes de Arduboy a prezo reducido e prepararán un curso en liña gratuíto para aprender a crear aplicacións en C++ para a Arduboy.


Vídeo promocional da campaña de Arduboy en Kickstarter

PUBLICIDADE