Arlo Go, a cámara de vixilancia totalmente sen fíos

martes, 29 de novembro do 2016 Marcus Fernández

As cámaras de vixilancia son un elemento cada vez máis habitual no noso contorno, pero continúan a ser elementos dependentes de enerxía e conectividade para funcionar, de xeito que en certos contornos resulta complicada a súa instalación, e atendendo a tal problemática chega Arlo Go, que presume de ser a primeira cámara de seguridade totalmente libre de cables, resistente a auga, con vídeo en alta definición e conectividade 3G/4G.
Falamos dun trebello de 90 x 69,5 x 77,9 milímetros e 335 gramos de peso que integra unha cámara de vídeo cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles (cun ángulo de 130 graos), micrófono e altofalante (xa que permite o audio bidireccional), que conta con detección de sons e movemento axustables e visión nocturna.
Consegue servir para colocar en case calquera lugar que imaxinemos grazas á súa resistencia ás inclemencias meteorolóxicas (IP65), a gozar con conectividade móbil e ao integrar unha batería recargable de 3.660 mAh que podería chegar a funcionar varios meses seguidos.
Este atractivo produto sairá á venda a primeiros de 2017 a un prezo que parte dos 449 dólares, resultando de grande utilidade para obras de construción, instalacións portuarias, aparcadoiros e outros lugares nos que poida resultar complicado dotar a unha cámara de electricidade e conexión de datos. Como vén a ser habitual neste tipo de trebello, o control e a visualización da cámara pode realizarse comodamente a través do móbil, así como dun ordenador, destacando o feito de que o seu fabricante tamén subministra servizos de almacenamento na nube, que no seu plan básico achega de balde unha copia do rexistro das deteccións de ruído ou movemento dos últimos sete días.

Vídeo promocional da Arlo Go

PUBLICIDADE