Arris anuncia o primeiro produto con certificación Wi-Fi EasyMesh

luns, 13 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A cobertura das redes Wi-Fi é algo bastante complicado de optimizar en moitos fogares, para o que foron xurdindo repetidores e incluso solucións de redes en maia que normalmente comercialízanse en lotes de varios dispositivos que constrúen unha rede sen fíos única, e que en moitas ocasións é a solución ideal, pero que como grande desvantaxe ten que normalmente os distintos elementos teñen que ser da mesma marca (e nalgúns casos incluso do mesmo modelo), ao que dende a Wi-Fi Alliance quixeron responder coa certificación Wi-Fi EasyMesh, que vén de estrear un repetidor Wi-Fi, o VAP4641 de Arris.
Este repetidor para redes Wi-Fi que pode montarse directamente nun enchufe de parede, e dós máis potentes do mercado na súa categoría, e grazas á incorporación da norma EasyMesh tería aínda máis doado o ampliar a cobertura de redes Wi-Fi, facilitando a instalación, configuración e administración de redes domésticas á vez que consegue que se poida gozar de velocidades propias de conexións de cable a través de Wi-Fi.
O extensor de Wi-Fi VAP4641 de Arris pode enchufarse na parede ou instalarse sobre o escritorio, funciona como punto de acceso sen fíos IEEE 802.11ac 4x4 de 5 GHz e 2x2 de 2,4 GHz, incorpora unha toma Gigabit Ethernet e mide 130 x 100 x 40 milímetros.
O programa de certificación Wi-Fi EasyMesh define redes domésticas e de oficina con múltiples puntos de acceso doadas de instalar e usar, e con interoperabilidade entre marcas. Wi-Fi EasyMesh fai uso dun controlador para administrar a rede, que coordina a actividade entre os distintos puntos de acceso que operan en rede, asegurando que non interfiren entre si e conseguindo un servizo eficiente e cunha cobertura uniforme. Esta tecnoloxía funciona con redes Wi-Fi N, sendo opcional o soporte de Wi-Fi AC, e a comunicación entre os elementos da rede baséase no protocolo IEEE 1905.1.

PUBLICIDADE