As Oculus Quest 2 poderán usarse sen cable co PC de xeito oficial

mércores, 14 de abril do 2021 Marcus Fernández

O casco de realidade virtual Oculus Quest 2 apostou dun xeito moi completo pola realidade virtual sen fíos, xa que non só pode funcionar como un dispositivo autónomo, senón que tamén serve como casto de VR para o PC, o que oficialmente só podía facerse mediante cable, aínda que a aplicación Virtual Desktop permitía librarnos dese elemento e gozar da realidade virtual totalmente sen fíos, o que finalmente vai permitir Oculus de xeito oficial a través da actualización v28 do software das Quest 2.
Oculus Air Link será a tecnoloxía que permitirá gozar da realidade virtual de PC nas Quest 2 sen cables, prestación que está a chegar aos usuarios como función experimental, e que precisa para funcionar correctamente dunha boa conexión Wi-Fi (preferiblemente Wi-Fi 5 ou 6 na banda dos 5 GHz).
Do mesmo xeito a como acontece con Virtual Desktop, Quest Platform permitirá gozar dun escritorio virtual en realidade virtual, función que haberá que activar tamén como opción experimental e que no caso de contarmos cun teclado Logitech K830 poderemos gozar dunha experiencia especialmente inmersiva, xa que este accesorio integrarase visualmente na realidade virtual.
Outra novidade das Quest 2, que resulta bastante sorprendente, é que este caso que inicialmente funcionaba a 70 Hz e permitiu activar a compatibilidade cos 90 Hz pouco despois do seu lanzamento, finalmente permitirá que as aplicacións nativas funcionen a 120 Hz, conseguindo así experiencias aínda máis realistas e frenéticas.

PUBLICIDADE