As Xornadas de Automatización Industrial farán fincapé na importancia da tecnoloxía para competir cos países en desenvolvemento

xoves, 16 de outubro do 2014 Redacción

O profesor Ignacio Armesto, impulsor das Xornadas de Automatización Industrial

O vindeiro mes de novembro celébrase en Vigo unha xuntanza que os estudantes e os profesionais da nosa terra vinculados á enxeñería industrial e informática deberan ter moi en conta, se é que non a teñen xa. Sobre todo pola súa capacidade para dar a coñecer os novos avances en automatización e, tamén e non menos importante, polo seu potencial para levar ás empresas do sector sangue novo e servir de porta de entrada empresarial para os estudantes e licenciados. Hai fichaxes durante e despois deste evento? Pois si, dende o seu inicio. Falamos das Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI), que se celebran entre e 3 ao 7 de novembro.
Segundo nos conta o profesor Ignacio Armesto (Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática da Escola de Enxeñería Industrial da UVigo), impulsor e coordinador destas xornadas que van pola súa sexta edición, falar de automatización industrial é falar de cousas que contribúen á seguridade, á competitividade e á rendibilidade das nosas empresas. E o mellor de todo: non é excluínte do factor humano, senón que se complementa e, xuntos, desenvólvense.
-A importancia da robótica e a enxeñería industrial para as empresas, en que lugar deixa aos equipos humanos? Seguen a ser importantes, nestes tempos que corren?
-Seguen e seguirán a selo. Os equipos humanos son cada vez máis importantes. O músculo humano está agora na parte máis intelectual, técnica ou tecnolóxica das nosas empresas. Para competir co mundo en vieiros de desenvolvemento debemos aplicar tecnoloxías que nos axuden a suplir o seu potencial e o seu alto rendemento. Dito doutro xeito: os robots non van quitar en Europa postos de traballo, senón que van axudar a mantelos, precisamente porque contribúen a que as empresas sexan máis competitivas con respecto ás economías en desenvolvemento. Achegamos calidade, produtividade, competitividade. Aí entra en xogo a automatización industrial. A tecnoloxía é fundamental tanto no produto coma no proceso. Automatizar é facer máis doada a fabricación ou desenvolvemento dun produto ao tempo que se engade calidade. Aí entran en xogo as persoas, sempre serán imprescindíbeis. Pero temos que telo en conta: no primeiro mundo estamos condenados positivamente á tecnoloxía.
-Cantas multinacionais do sector participarán nesta edición das xornadas? Cantos centros tecnolóxicos e de investigación? Sente que as xornadas seguen a contar co apoio debido por parte do tecido produtivo, os centros de I+D e as entidades públicas?
-Coido que hai máis empresas que o ano pasado. Cada ano incorpóranse novas entidades. Nesta edición, a axenda de actividades resultou máis completa cá de calquera convocatoria anterior. Hai empresas internacionais e outras locais, galegas, todas elas co punto de vista no mundo. Están tamén os nosos centros tecnolóxicos. Este ano contamos coa incorporación ás xornadas dunha empresa nova, Universal Robots, que desenvolve máquinas innovadoras que son que interactuar coas persoas nun emprazamento laboral ou industrial. Contaremos tamén, aínda que non de maneira presencial, coa participación de iiWA, de Kuka Labs, que é por así dicilo o robot pata negra da dita compañía, unha máquina que está deseñada para relacionarse cos seres humanos e traballar con eles nas mellores condicións. Polo que respecta aos apoios, non nos podemos queixar en absoluto. A nivel de Vigo, contamos co respaldo de múltiples entidades, o Concello, a Zona Franca, a Universidade, o centro tecnolóxico Gradiant, AIMEN, CTAG, PSA-Citroën, etc. A listaxe de apoios é ben longa e non collería nesta entrevista.
-Seguimos a voltas coa crise, e parece que non a quitamos de enriba. Como afectou o parón produtivo ao sector industrial? Déixase notar nunhas xornadas como as JAI onde en parte trátase de visualizar o que producen as empresas e os equipos humanos que son quen de fichar?
-A crise, non nos enganemos, notouse e moito. Desapareceron moitas empresas. Houbo ritmos de baixas diarias. Quen non se internacionalizou quedou fóra de xogo. Con todo, está claro que agora nótase que a caída brutal rematou. Agora o que hai é máis ondulacións no devir do mercado. Non se poden facer previsións a medio ou longo prazo. Pero o importante é que a caída brutal semella que xa chegou ao seu fin.
-As JAI xa teñen tras de si unha historia e unha experiencia. A deste mes de novembro é a sexta edición. En que cambiaron as cousas dende a primeira convocatoria?
-O congreso pretende medrar sempre en número de participantes. Ao principio eramos un grupo de amigos que decidimos pór en marcha unha reunión para amosar os últimos avances do sector e tecnolóxicas concretas. Contabamos daquela cun feixe máis ou menos limitado de empresas amigas, pero logo a cousa que foi crecendo. Agora temos o apoio total de multinacionais como ABB, Beckhoff, Bosch Rexroth, Harting, Kepware, Kuka, MatrikonOPC, Omron, Phoenix Contact, Rockwell Automation, Schneider Electric, Siemens, WEG ou Wonderware. O que está claro é que queremos que as xornadas sigan sendo un foro. Iso si, deixando unha marxe ampla para as novidades. Por exemplo, este ano decidimos incluír unha zona de demostracións, un emprazamento para demos en vivo. Foi unha proposta que lles fixemos aos centros tecnolóxicos e de I+D e a eles pareceulles ben dende o comezo. A idea é convidalos a amosar as tecnoloxías nas que están a traballar e que destaquen polo seu potencial e o seu interese. Haberá un pouco de todo, impresións en 3D (da man da Escola de Enxeñaría Industrial), robótica corporativa, impresións a gran escala, un achegamento á tecnoloxía aeroespacial da Universidade de Vigo (máis polo miúdo ao FemtoXat que están a ultimar os investigadores do campus), proxectos de eSaúde (como por exemplo a iniciativa de rehabilitación robotizada para persoas con lesións físicas que vai presentar o centro galego AIMEN), iniciativas tecnolóxicas para incrementar a seguridade nas estradas (poderemos ver os conos que se moven sós nas vías), posicionamento en interiores e realidade aumentada (dúas cuestións que serán abordadas en detalle por Gradiant). Falarase tamén de Google Glass e do seu potencial na investigación e no eido industrial. E tamén haberá un robot encargado de animar e amenizar o congreso, o robot Nao, desenvolvido por Aldebarán.

O comezo das xornadas

O luns 3 de novembro dará comezo o programa, tras o acto oficial de inauguración, cun relatorio que impartirá un representante de Ence sobre a Evolución das tecnoloxías de control en plantas de celulosa. Logo, terá lugar unha conferencia da man de PSA Peugeot Citröen, que versará sobre as Car Easy Apps, desenvolvemento de aplicacións no coche conectado”. Esta xornada inaugural culminará facendo unha chiscadela ás Google Glass, na que se explicará como poden axudar aos procesos industriais da man de Itglas and Wear Technologies.
Ignacio Armesto explica que “entre os temas máis senlleiros desta edición está a robótica colaborativa, que permite que robots e humanos traballen xuntos na cela de fabricación, sen valados de protección, xa que achegan sensores que impiden accidentes”. Outros dos temas serán as enerxías renovábeis e as tecnoloxías de mobilidade e a súa aplicación á industria, como por exemplo o coche conectado.

PUBLICIDADE