As cámaras Lytro revolucionan a fotografía permitindo enfocar as imaxes despois de captalas

xoves, 20 de outubro do 2011 Marcus Fernández

Nos últimos anos a dixitalización da fotografía supuxo unha revolución que nos últimos meses quedou nunha mera guerra polo megapíxel, pero que podería mudar grazas a Lytro, Inc., compañía que vén de presentar a súa primeira cámara de consumo de campo de luz Lytro, que achega un novo xeito de tomar e gozar das fotografías, xa que as Lytro captan todos os raios de luz dunha escena, facilitando a posibilidade de enfocar a imaxe a posteriori.
A primeira Lytro é unha cámara de peto, cun zoom óptico de 8x, dispoñible en 2 modelos e 3 cores con prezos que parten dos 399 dólares (289,27 euros), e presume de ser a primeira cámara deste tipo capaz de rexistrar a información suficiente que permite enfocar as imaxes despois da súa captura, e incluso subilas á web para poder elixir os elementos que queiramos ver enfocados de xeito interactivo e sen precisar da instalación de software adicional como podemos comprobar na galería de imaxes de mostra desta tecnoloxía que permite fotografías vivas.

Coas cámaras Lytro podemos captar os momentos con grande axilidade

O feito de poder enfocar unha imaxe despois de tomala tamén fai que a cámara Lytro teña unha velocidade sen precedentes, e como curiosidade, a súa definición non se mide en Mpíxeles senón en megaraios (11). Tamén pode tirar fotografías en ambientes pouco iluminados (por tomar toda a luz do ambiente) non precisando de flash, en breve permitirá ver as súas imaxes en 3D e venderase en capacidades de 8 e 16 Gb (o que permitiría gardar ata 350 e 750 imaxes respectivamente).
As cámaras Lytro comezarán a distribuírse a primeiros de 2012, estando a súa aplicación de escritorio dispoñible inicialmente para Mac OS X, para chegar máis adiante a Windows.

As cámaras estarán dispoñibles en capacidades de 8 e 16 Gb en 3 cores distintas
As cámaras Lytro permiten enfocar as imaxes despois de tomalas

PUBLICIDADE