As fundas de LaCie para ultraportátiles tamén serven para o iPad

luns, 8 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Tras o anuncio do iPad, varios son os fabricantes que preparan accesorios para o mesmo, entre o que os primeiros serán sen dúbidas as fundas para protexelo, pero resulta curioso ver que dende LaCie, en vez de preparar unha liña de produtos específica para o novo trebello de Apple, simplemente decatáronse de que as súas dimensións coincidían bastante coas dos ultraportátiles de 10,2 polgadas, de xeito que advirten que as súas fundas LaCie Coat e LaCie ForMoa, con prezos de 17,90 e 23,90 euros respectivamente, serven perfectamente para acoller un iPad no seu interior, podendo optarse en ambos casos por un abano de cinco cores para elixir.
Estes modelos tamén están dispoñibles para equipos de 13, 15 e 17 polgadas e teñen protección de burbullas e un suave revestimento interno para protexer os equipos no seu interior. A principal diferenza entre ambas liñas de fundas está en que as LaCie ForMoa teñen a maiores asas opcionais e 3 petos, mentres que a LaCie Coat só conta cun peto interior para transportar accesorios.

PUBLICIDADE