As galegas Insurama e Netun estarán no Pavillón de España do MWC Barcelona 2021

xoves, 15 de abril do 2021 Sandra Rivadulla

Red.es e ICEX fan oficial a listaxe das 26 empresas nacionais que integrarán o Pavillón de España no MWC Barcelona 2021, que se celebrará do 28 de xuño ao 1 de xullo. Entre as empresas figuran dúas galegas: a coruñesa
Insurama Broker en Liña e pontevedresa Netun Solutions.
A presenza do Pavillón de España en MWC Barcelona 2021, dá continuidade ao compromiso institucional de apoiar ás empresas tecnolóxicas españolas neste congreso mundial. Este ano, o lema é Connected Impact (Impacto conectado), xa que as empresas terán a oportunidade de mostrar durante os catro días do congreso, os seus servizos e solucións en ámbitos de innovación como a Intelixencia Artificial, o 5G, a Internet das Cousas (IoT), a ciberseguridade ou o blockchain, entre outros.
As empresas co-expositoras seleccionadas dispoñerán dun espazo propio no Pavillón de España e poderán beneficiarse dunha excelente localización dentro do recinto feiral Fira Gran Vía, así como dos servizos e dotacións do mesmo, que lles axudarán a aproveitar ao máximo a plataforma que MWC Barcelona supón para facer networking, dar visibilidade aos seus produtos e servizos e recibir inputs inspiradores para mellorar o negocio.
Nesta edición, a tecnoloxía ponse ao servizo das persoas para ofrecer a mellor das experiencias e contribuír á consecución dos seus obxectivos. Doutra banda, o Pavillón de España estrea nova localización no Hall 4 do MWC. Este espazo expositivo dispoñerá dun formato máis diáfano e accesible, contando cunha maior altura. Todo isto permitirá maximizar tanto a notoriedade como a visibilidade do Pavillón e das empresas participantes.
Insurama presentará Muvin, unha plataforma tecnolóxica e de servizos orientada ao desenvolvemento e distribución dixital de solucións aseguradoras para a cobertura de dispositivos móbiles, dispositivos electrónicos e vehículos de mobilidade sustentábel.
Na mesma liña, a empresa pontevedresa Netun mostrará Help Flash, un dispositivo eléctrico luminoso que permite balizar un vehículo detido na calzada por mor dunha avaría ou un sinistro sen que os ocupantes teñan que abandonalo, substituíndo aos actuais triángulos de sinalización. O produto conta con activación magnética automática e é visible ata a un quilómetro de distancia.
En xeral, as grandes empresas tecnolóxicas e fabricantes da industria das telecomunicacións presentan no congreso os últimos deseños e novidades en canto a tabletas, wearables, computadores portátiles, 5G, coche conectado e outros produtos tecnolóxicos que cada vez están máis presentes no mundo.
En esta edición do MWC Barcelona poñerase en especial relevo como a tecnoloxía está a axudar a soportar a pandemia causada pola COVID- 19.
Máis en concreto, o Pavillón de España estará integrado por empresas de Andalucía, Cataluña, Comunidade Foral de Navarra, Comunidade Valenciana, Estremadura, Galicia, Illas Baleares, Madrid e Euskadi.

PUBLICIDADE