As gráficas nVIDIA RTX 40 chegan a equipos portátiles

martes, 3 de xaneiro do 2023 Marcus Fernández

nVIDIA realizou a súa presentación de cara ao CES de Las Vegas, presentando moitas das súas tecnoloxías que veremos no mercado nos vindeiros meses, estando entre o máis destacable a presentación da nova gráfica nVIDIA GeForce RTX 4070 Ti e a nova serie de ordenadores portátiles que integran gráficas GeForce RTX 40, conseguindo que equipos portátil teñan un desempeño comparable ao de ordenadores de sobremesa.
As novas gráficas nVIDIA GeForce RTX 4070 Ti chegarán a equipos de sobremesa o día 5, prometendo un desempeño até un 15% superior que o das RTX 3090 Ti en renderizado 3D, sendo tamén unhas gráficas moi acaídas para creadores de contido e profesionais da edición de vídeo, xa que ao igual que as RTX 4090 e 4080, integran codificadores duais para vídeo en formato AV1, conseguindo que aplicacións como Adobe Premiere Pro, DaVinci Resolve e OBS poidan reducir os tempos de exportación á metade. Para a creación en 3D tamén mellora un 70% o desempeño en comparación coa RTX 3070 Ti. E no que se refire aos núcleos tenso para intelixencia artificial consegue dobrar o desempeño fronte á xeración anterior.

Contacto visual nas videoconferencias e presentacións

Tamén se anunciaron actualizacións das aplicacións nVIDIA Broadcast e Cambas, destacando a primeira por por estrear a función de Contacto Visual, que consiste en corrixir en tempo real a nosa mirada en videoconferencias para que pareza que estamos a mirar a cámara. Tamén melloraron a función de fondos virtuais para OBS Studio 29.0.

nVIDIA Broadcast consegue unhas videoconferencias máis naturais

Reescalado mediante intelixencia artificial

Un detalle que beneficiará a moitos máis consumidores é unha función que chegará ás gráficas GeForce RTX 40 e 30 o mes que vén chamada RTX Video Suepr Resolucion, que emprega intelixencia artificial para que os vídeos que vexamos nos navegadores Chrome e Edge poidan incrementen a súa definición artificialmente para que se temos unha pantalla 4K poidamos ver menos artefactos de compresión e un mellor perfilado das formas, dando a impresión de que estamos a consumir contidos en 4K aínda que estean simplemente en HD.

Os vídeos en alta definición veranse mellor en pantallas 4K grazas á intelixencia artificial

Portátiles con arquitectura de GPU Ada Lovelace

Pero o que probablemente vaia ter un maior impacto no mercado é a presentación dos portátiles con gráficas GeForce RTX 40, que funcionan coa arquitectura de GPU Ada Lovelace, o que supón un grande salto en desempeño e eficiencia (son até 3 veces máis eficientes que a xeración anterior). Aseguran que os xogos poden mellorar o seu desempeño até 4 veces (grazas a tecnoloxías como o Max-Q de 5ª xeración e o DLSS 3), con xogos como Cyberpunk 2077 podendo tirar un proveito completo da tecnoloxía de ray tracing. Estes equipos para xogadores e creadores de contidos destacan por poder ter formatos bastante compactos (mantendo a súa pantalla nun tamaño de 14 polgadas), o que agradecerán moitos usuarios que precisen empregar o equipo en mobilidade.
Estes novos equipos comezarán a venderse por parte dos fabricantes máis populares a partir do 8 de febreiro, estando previsto que incluso algúns modelos teñan prezos bastante contidos (preto dos mil euros).

PUBLICIDADE