As novas SSD de Samsung len até 13.000 MB/s

xoves, 23 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Samsung Electronics anunciou a nova unidade SSD PM1743 para servidores de empresa, que permite empregar unha V-NAND de sexta xeración a través de PCIe 5.0 (asegurando que xa están a traballar en produtos baseados en PCIe 6.0) que consegue un rendemento impresionante.
A nova unidade de Samsung pode acadar velocidades de lectura secuencial de até 13.000 MB/s, consegue até 2,5 millóns de operacións de entrada/saída de lectura aleatoria e multiplicando até por 1,9 a velocidade de unidades baseadas en PCIe 4.0. A Samsung PM1743 pode escribir até a 6.600 MB/s, acada até 250.000 operacións de entrada/saída de escritura aleatoria e tamén multiplica até 1,9 a velocidade de unidades baseadas na anterior xeración de PCIe.
Para os servidores corporativos non só é importante a velocidade que consegue esta SSD, senón tamén a súa eficiencia enerxética, que mellora un 30% con respecto da anterior xeración, sendo capaz de mover 608 MB/s por watt.
As unidades PM1743 comercializaranse en tamaños de entre 1,92 TB e 15,36 TB e venderanse tanto no formato estándar de 2,5 polgadas como en 3 polgadas (E3.S). Entrarán en produción en masa no primeiro trimestre de 2022.

PUBLICIDADE