As novas SSD de Samsung prometen grandes capacidades a prezos asumibles

martes, 27 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos meses, e tras anos de prezos astronómicos, as unidades de disco de estado sólido (SSD) comezaron a pórse a prezos asumibles, disparando a súa popularidade, pero mantendo as súas capacidades moi limitadas, o que Samsung quere mudar coa nova gama Samsung 860 QVO SSD, que prometen achegar capacidades de almacenamento de terabytes a prezos accesibles para o consumidor grazas ao uso dunha arquitectura flash NAND de celas multinivel de alta densidade con 4 bits por cela.
Falamos de unidades de disco SATA de 2,5 polgadas (ou sexa, os típicos discos de ordenador portátil) que ao comercializarse en capacidades de 1, 2 e 4 TB permiten que os equipos que se vendan nos vindeiros meses non teñan que adoptar configuracións mixtas cunha SSD de pouca capacidade para o sistema operativo e un disco duro de grande capacidade para o almacenamento de ficheiros, xa que unha única unidade poderá albergar toda a información mantendo velocidades de escritura e lectura secuenciais de até 550 e 520 MB/segundo respectivamente.
Estas novas unidades sairán á venda o 3 de decembro e, aínda que o seu rendemento non é o mesmo que a da meirande parte das unidades SSD actuais, un prezo máis asumible compensa sobradamente a diferenza de velocidade e duración, cando menos en equipos de consumo, onde o volume de datos que se escribe é moderado, polo que o usuario medio dificilmente chegará a experimentar fallos nestas unidades que presumen de 3 anos de garantía (ou a escritura de 360 veces a súa capacidade total).

PUBLICIDADE