As revistas norteamericanas adiántanse ao Apple iTablet adaptándose a futuros formatos baseados en pantallas táctiles

xoves, 3 de decembro do 2009 Marcus Fernández

Nas últimas semanas non cesan as presentacións de adaptacións de revistas norteamericanas a futuros dispositivos tipo tablet que apostan que poden ser o equivalente dos lectores de e-books, aplicados ás revistas (con contidos máis dinámicos e coloridos), e a última revista en amosar a súa versión dixitalizada é Sports Illustrated, que presenta unha aparencia bastante atractiva e que polo momento amósase nun equipo de HP con pantalla táctil, de xeito que no futuro podería portarse de xeito doado ao iPhone ou ao rumoreado Apple iTablet (posible dispositivo de lectura de Apple que pretendería revolucionar o mercado).
Mentres Time Inc fai estes desenvolvementos, dende Condé Nast tamén fan o mesmo coa revista Wired, polo que a industria editorial parece estar a dar por sentado que hai mercado para revistas electrónicas máis aló da web, o que moitos poderían considerar un paso atrás, pero que sería unha solución bastante atinada se damos tanta importancia ao formato coma aos contidos.
Con estas iniciativas tamén pretenderían apostar por distribuír estes formatos baixo subscrición de pagamento, podendo así fuxir do todo gratis da web.


Demostración dunha posible adaptación de Sports Illustrated a pantallas táctiles


Wired veríase deste xeito nun iTablet

PUBLICIDADE