As tecnoloxías na conservación do patrimonio centran unha nova xornada do Consello da Cultura
luns, 25 de xaneiro do 2021
Baixo
o título Que poden
facer as técnicas de análise non destrutiva pola restauración e
conservación do Patrimonio achégase
esta semana unha nova
sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural.
Unha cita organizada pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do
Consello da Cultura Galega (CCG) que pretende mostrar, a través de
casos prácticos realizados dentro e fóra de Galicia, como a
tecnoloxía destinada á conservación e recuperación axuda a
coñecer mellor o patrimonio. O acto celebrarase mañá, martes 26 ás
18:00 horas e será en directo, pero os vídeos das intervencións
dos participantes estarán xa dispoñíbeis
desde hoxe.
En
concreto, a restauración permitirá afondar no coñecemento do
patrimonio e abrirá a posibilidade de formular novas estratexias e
sistemas de intervención. O obxectivo principal é poñer de relevo
a información que se obtén dunha obra na análise científica
previa a restauración. Por iso, distintos especialistas integrantes
do Grupo de Estudos Medioambientais aplicados ao Patrimonio Natural e
Cultural (GEMAP) da Universidade de Santiago de Compostela ofrecerán
a información en diferentes ámbitos concretos. Así, Beatriz Prieto
Lamas, falará de como as tecnoloxías portátiles de monitoraxe
axudan a resolver problemas relacionados con humidades e colonización
biolóxica. Mentres, Patricia Sanmartín Sánchez abordará a
información sobre a cor no patrimonio. A súa vez, Daniel Vázquez
Nion presentará unha ferramenta indispensábel
como é a fluorescencia de raios X portátil, que serve para coñecer
a composición do patrimonio cultural inmóbel.
Aquelas
persoas que queiran participar poderán facelo enviando o seu
comentario a participa@consellodacultura.gal
ou contactando a través das redes sociais do Consello de Cultura.