As xoias tamén queren ser smart

venres, 13 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Aínda que non conten co potencial dos smartwatches existen outros dispositivos que permítennos recibir notificacións do móbil dun xeito práctico no noso día a día, que poden resultar de utilidade para non perder unha chamada telefónica ou unha notificación dunha aplicación, funcionalidade que unha nova empresa de Nova York quixo casar coa xoiería, polo que propón Ringly, uns aneis de ouro de 18 quilates que inclúen pedras semi-preciosas (de catro cores distintas) que responderán a unha aplicación no móbil (que estará dispoñible para iOS e Android) de xeito que o accesorio vibrará avisando de notificacións á vez que se acende unha luz de notificación.
O anel conectado comunícase co smartphone a través de Bluetooth e pode programarse para que avise de chamadas, mensaxes de texto, correos electrónicos, comunicacións a través de Facebook e Twitter e doutras aplicacións, dando un completo control sobre as situacións nas que desexemos que Ringly nos alerte.
Estes produtos están xa dispoñibles para a súa reserva por 145 dólares (121,58 euros cos gastos de envío incluídos) esperándose que o seu prezo ordinario sexa de 195 dólares. Espérase que o produto vexa a luz no outono.


Vídeo promocional de Ringly

PUBLICIDADE