Asus aposta por un deseño moi atrevido no seu último router

luns, 29 de maio do 2017 Marcus Fernández

Durante estes días está a celebrarse o Computex en Taipei, evento que fabricantes como Asus aproveitan habitualmente para presentar novos produtos, e desta volta, aparte de lanzar numerosos ordenadores portátiles atendendo a distintas demandas do mercado, sorprenderon amosando ao público o Blue Cave, un router Wi-Fi que destaca pola súa orixinal estética, que presenta unha aparencia sen antenas externas e cun deseño atractivo que está preparado para conseguir conexións domésticas rápidas e seguras.
Co Blue Cave temos un router Wi-Fi AC2600, capaz de garantir a reprodución de vídeo 4K en streaming, o xogo en liña sen retardos e as descargas rápidas, sendo capaz de atender a un maior número de dispositivos simultáneos que os router de consumo actuais, polo que sería axeitado para fogares moi conectados.
A estética deste trebello é moi curiosa, xa que presenta un oco circular no seu centro, que que podería chegar a lembrarnos aos ventiladores sen aspas de Dyson, contribuíndo así a que o vexamos como un elemento máis do fogar e non a unha tecnoloxía que non case co contorno.
O produto vén acompañado pola solución de seguridade ASUS AiProtection, achegada por Trend Micro Smart Home Network, e que promete protexer cada dispositivo conectado en rede, incluíndo aos accesorios da chamada Internet das Cousas. Esta tecnoloxía tamén facilita a monitorización e o control do uso da Rede que fai cada membro da familia e pode controlarse incluso dende un smartphone ou unha tableta.

PUBLICIDADE