Asus amosa novos monitores para profesionais da fotografía e o vídeo

luns, 10 de xuño do 2024 Marcus Fernández

Para os usuarios profesionais que precisan de monitores que coiden especialmente a súa calibración de cor e que queiran gozar dunha resolución extrema presentan o novo Asus ProArt Display 8K PA32KCX, un monitor de 32 polgadas que presume de ser o primeiro monitor mini-LED profesional con resolución 8K.
Falamos dun monitor cunha resolución de 7.680 x 4.320 píxeles, cun brillo pico de 1.200 nits e sostido de 1.000 nits, capaz de conseguir o 97% do espazo de cor DCI-P3 (estándar empregado para cine) e cun colorímetro integrado para garantir unha calibración de cor precisa ao longo do tempo sen a necidade de ferramentas externas.
Conta con dous portos Thunderbolt 4 capaces de achegar até 96 watts, portos HDMI 2.1 e DisplayPort 2.1 e un concentrador USB integrado.

Tamén un monitor 5K

Aínda que coa presentación do monitor 8K tamén chega o Asus ProArt Display 5K PA27JVC, capaz de presentar o 100% do espazo de cor sRGB e o 99% do DCI-P3, contando tamén cun recubrimento contra reflexos e unha excelente calibración de fábrica. Ten DisplayPort sobre USB-C capaz de achegar até 96 watts, DisplayPort, HDMI e concentrador USB, e parece querer atender a unha demanda de mercado moi específica: profesionais do mundo da imaxe que empregan un ordenador de Apple (pois macOS está optimizado para funcionar con pantallas 5K, dando serios problemas cos monitores 4K tan habituais no mercado).