Asus presenta os novos smartphones ZenFone 3

luns, 30 de maio do 2016 Marcus Fernández

No marco do Computex dáse a coñecer a nova liña de smartphones ZenFone 3, con diversidade de configuracións, con elevadas prestacións a prezos asumibles, chegando incluso a atreverse a entrar na gama de terminais de grande tamaño dos que parece seguir habendo demanda, diluíndo a fronteira entre smartphones e tabletas.

O ZenFone 3 Deluxe estará dispoñible en varias cores e destaca pola súa rápida cámara de 23 Mpíxeles

O novo smartphone insignia de Asus sería o ZenFone 3 Deluxe, con pantalla Full HD Super AMOLED de 5,7 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 820 con gráfica Adreno 530, até 6 GB de RAM, con cámara traseira de 23 Mpíxeles con sensor Sony IMX318, apertura f/2.0 e estabilizador óptico de imaxe de 4 eixes, lector de pegadas dixitais, Quick Charge 3.0 e USB-C.
Sería un terminal cun prezo que partiría dos 499 dólares, polo que, aínda que sería máis económico que os teléfonos insignia doutros fabricantes, afastaríase do que buscan moitos consumidores, que posiblemente estarán máis que conformes cun smartphones que custaría a metade, o ZenFone 3, que chegaría cunha pantalla Full HD Super IPS+ de 5,5 polgadas, cun acabado elegante, procesador Qualcomm Snapdragon 625, até 4 GB de RAM, cámara traseira de 16 Mpíxeles con enfoque automático Asus TriTech, Wi-Fi AC e lector de pegadas dixitais, que podería converterse no grande éxito do fabricante asiático.

O ZenFone 3 Ultra terá unha pantalla de 6,8 polgadas

E os sorprendentemente grande ZenFone 3 Ultra estaría nun rango de prezo do ZenFone 3 Deluxe, pero optando por unha potencia menor e unha pantalla maior (terá un panel Full HD de 6,8 polgadas). O ZenFone 3 Ultra confórmase cun procesador Qualcomm Snapdragon 652 e gráfica Adreno 510 e até 4 GB de RAM, aínda que na cámara si conserva a de 23 Mpíxeles do smartphone insignia. Tamén conta con lector de pegadas dixitais, e como detalle salientable temos unha batería de 4.600 mAh con Quick Charge 3.0, de xeito que deberiamos ter un smartphone cunha autonomía bastante boa.

PUBLICIDADE