Asus presenta un adaptador para aproveitar o cable da antena de televisión para datos

mércores, 17 de agosto do 2022 Marcus Fernández

Asus anunciou estes días un produto moi interesante para certos fogares que teñen problemas para gozar dunha boa rede Wi-Fi e queiran ter unha boa conexión por cable aproveitando a instalación que xa teñan da antena de televisión. Falamos do adaptador MoCA Asus MA-25, que converte o cable coaxial en Ethernet, permitindo unhas velocidades de até 2,5 Gbps e permitindo engadir dispositivos á rede creada con so premer un botón (dun xeito semellante a como funciona o WPS nas redes sen fíos). Esta solución tamén conta cunha latencia reducida, polo que sería apta para gozar de videoxogos.
O interesante desta solución é que non precisa de ferramentas para a súa instalación, xa que chega con conectar adaptadores nas tomas de antena do fogar para comunicalas, o que resulte especialmente práctico para vivendas de varios andares nas que é complicado montar redes Wi-Fi sen zonas de sombra. De feito, o adaptador podería servir para conectar un router secundario lonxe do router principal sen ter que realizar obras, achegando así Internet (por cable ou Wi-Fi) a zonas afastadas ás que non chegaría cun único router.
O uso de cable coaxial para achegar a Internet aos fogares non é ningunha novidade e, de feito, é a tecnoloxía elixida nos seus inicios por operadores de telecomunicacións como R (que empregaban o mesmo cable para o servizo de televisión e o da Internet), pero desta volta poñen o aproveitamento do cableado de antena no lado do usuario, quedando por saber se esta solución resulta tan económica como para que compense o seu uso fronte á instalación de fibra óptica dentro do fogar.

PUBLICIDADE