Asus traballa en conseguir que Windows 11 chegue a equipos con certa antigüidade
martes, 7 de setembro do 2021
Microsoft
fixou unha relación de hardware compatible con Windows 11 que deixa fóra a
numerosos equipos de certa antigüidade, sendo especialmente patente o feito de
que os equipos con procesadores AMD Ryzen 1000 e Intel Core de 7ª xeración quedarían
fóra (coa excepción dunha decena de procesadores de alta gama dentro desta
última familia), pero a situación podería mudar lixeiramente grazas ao traballo
dos propios fabricantes, como é o caso de Asus, que está a actualizar a BIOS dalgunhas
placas base para facilitar
que incluso equipos con procesadores Intel Core de 6ª e 7ª xeración puidesen
cumprir coas esixencias publicadas por Microsoft.
Como exemplo, temos que a placa Maximus
IX Formula, con soporte para procesadores Intel Core de 6ª e 7ª xeración,
recibiu unha actualización «compatible con Windows 11 de forma predeterminada»,
salientando que non precisa de cambios na configuración para soportar o novo
sistema operativo, ou sexa, que certos fabricantes poderían achegar
actualizacións que permitisen que os seus equipos puidesen funcionar oficialmente
con Windows 11, o que non parece que vaia ser a práctica xeneralizada, xa que a
meirande parte de fabricantes preferirán instar aos consumidores a adquirir
novo hardware. En calquera caso haberá que ver se Microsoft admite que estas
placas base actualizadas permitan que procesadores de certa antigüidade pasen o
corte establecido de xeito xeral para ter soporte oficial de Windows 11.