BEAM, a chapa conectada

luns, 18 de decembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que as insignias ou chapas son elementos decorativos con séculos de historia, durante os anos 80 convertéronse en todo un fenómeno de moda para que a xente moza puidese vestilos para amosar a súa afinidade a elementos culturais de distinta índole ou amosar a súa adhesión a causas e organizacións, e aínda que este tipo de accesorio foi perdendo pulo, continúa a estar vivo máis aló das campañas políticas, aínda que con menos intensidade que no pasado, o que non impediu que dende BEAM Authentic desenvolvesen unha orixinal versión conectada.
Temos así que BEAM é unha insignia con conectividade Bluetooth que está composta por un disco que integra unha pantalla AMOLED de 400 x 400 píxeles, batería cunha autonomía de entre 24 e 48 horas e capacidade para almacenar até 100 imaxes (soportando incluso GIF animadas). Este produto comportaríase como unha chapa tradicional, pero o seu contido sería dinámico e controlable mediante unha aplicación para iOS ou para Android, de xeito que o usuario pode cargarlle as imaxes que guste feitas por el mesmo, atopar outras imaxes creadas por outros usuarios ou incluso recibir contidos de amigos, organizacións ou equipos deportivos, converténdose nun elemento máis social do que sería un distintivo normal.
Para facer máis práctico o accesorio, integráronlle un botón lateral, que de premerse durante 10 segundos pode facer a función de botón de pánico, remitindo unha mensaxe de texto e a localización GPS a través do teléfono até a 4 destinatarios predeterminados a través da aplicación oficial de BEAM.
Este curioso trebello está dispoñible en cor branca ou negra, cárgase por micro USB , suxéitase de varios xeitos (mediante unha correa, unha placa magnética ou un imperdible) e como grande eiva ten o seu prezo, que é de 99 dólares, cantidade pola que poderían adquirirse moitísimas insignias estáticas, aínda que o formato dinámico e a posibilidade de, por exemplo, amosar animacións de campañas o memes da Internet poden facer que algúns aposten por este orixinal accesorio como un xeito de captar a atención.
Polo momento os BEAM só se comercializan en EE.UU. e Canadá, e os seus responsables buscan principalmente o seu uso como unha ferramenta de expresión ligada a causas (algúns dos contidos da súa aplicación oficial só poden desbloquearse realizando unha doazón á certas entidades sen ánimo de lucro).

Os responsables de BEAM Authentic buscan que este accesorio sexa unha ferramenta de expresión que canalice achegas a entidades sen ánimo de lucro

PUBLICIDADE