BSA recompensará até con un millón de dólares a quen denuncie casos de pirateo informático en EE UU

xoves, 5 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

Segundo a Asociación internacional contra a piratería informática BSA (Business Software Alliance), máis do trinta e seis por cento do software que se emprega no mundo é ilegal, unha cifra que en España ascende ó 46 por cento, e que provoca perdas económicas de máis de 600 millóns de euros anuais.
Para loitar contra esta práctica, que segundo BSA“ non só é delito senón que tamén pon en perigo os datos das empresas e os equipos informáticos das mesmas” , a devandita asociación vén de anunciar que ofrece, nada máis nin nada menos que ata un millón de dólares a todo aquel que denuncie o emprego de software pirata de calquera empresa en EE UU. Cómpre sinalar que BSA semella especialmente interesada en rematar dunha vez por todas co anonimato das persoas que, polos motivos que sexan, deciden copiar ilegalmente programas (motivos variados a fin de contas, que van da arela máis notoria do lucro á simple e sinxela imposibilidade de afrontar a compra de software caro de máis por parte do traballador ou empresa), sobre todo se temos en conta o incremento na cifra da recompensa, que pasa de 200.000 a 1.000.000 de dólares en pouco tempo.
Por estes e outros motivos, segue habilitada unha web para presentar as denuncias, que obterán mellores compensacións económicas canto máis reincidente sexa a empresa denunciada e maior sexa a gravidade da súa práctica ilegal. Sinalar que esta iniciativa vai ser sufragada, precisamente, cos cartos (22 millóns de dólares) obtidos en sancións previas a establecementos acusados de piratear programas.
O “programa da recompensa do millón de dólares”, que probablemente significará un importante respaldo económico para individuos ós que o futuro da industria do software lles traia sen coidado (pero que teñan especial interese en amañar a economía propia, malia que sexa sinalando co dedo ós demais), ficará activo até o mes de outubro, intre no que BSA volverá case con total seguridade a ofrecer as compensacións acostumadas.
Na imaxe, software ilegal, visto no caderno de Feyser en Flickr.

PUBLICIDADE