Baños de Molgas leva a Realidade Aumentada á súa ruta polo Arnoia e os seus muíños

martes, 23 de marzo do 2021 S. P.

O Concello de Baños de Molgas vén de presentar a que sería, nas súas palabras, a primeira ruta de sendeirismo con aplicación de Realidade Aumentada de Galicia. A ferramenta centraríase no itinerario histórico-natural Canóns do Arnoia, e, segundo sinala o Goberno local, constituiría un xeito de promover, reivindicar e pór en valor, por medio das tecnoloxías, o importante patrimonio natural e etnográfico de Baños de Molgas. Asemade, é un recurso para posicionar o concello, con vistas a Semana Santa e a vindeira tempada de primavera-verán, como destino turístico da provincia.
A aplicación céntrase como dixemos nas beiras do río Arnoia e os antigos camiños que se utilizaban para ir moer aos muíños, a maior parte deles cegados até o labor de recuperación recentemente levado a cabo polo Concello, en colaboración da Axencia Galega de Turismo.
A orixe do proxecto tecnolóxico está en 2019, cando o Goberno local e a empresa Xoia uniron forzas para pór en valor os recursos patrimoniais e turísticos do concello, a través da aplicación móbil con Realidade Aumentada Visita Molgas.
Este 2021, a app conta cunha nova versión que permite ós sendeiristas que se atopen facendo a devandita ruta interactuar co lugar, a través das cámaras dos seus dispositivos móbiles, descubrindo máis en profundidade os recursos polos que van pasando.
Para mergullárense os viaxeiros na experiencia a aplicación móbil conta coa participación de Nymphis, a guía ninfa virtual encargada de dar as explicacións pertinentes durante o seu uso.
O Concello habilitou un vídeo de presentación da experiencia para dala a coñecer nos seus detalles.

PUBLICIDADE