BlackBerry Bold 9900: un terminal delgado, potente e con NFC e BlackBerry 7 OS

luns, 2 de maio do 2011 Marcus Fernández

RIM presentou hoxe 2 novos terminais, entre os que temos que destacar o BlackBerry Bold 9900 (por ser o destinado ao mercado europeo), que vén a ser o móbil de BlackBerry máis delgado e potente que mestura teclado físico, pantalla táctil e o novo BlackBerry 7 OS.
A BlackBerry Bold 9900 conta cun procesador a 1,2 GHz, soporta redes 4G e HSPA+, a súa pantalla táctil Liquid Graphics permite unha resposta táctil precisa e unhas imaxes nítidas (grazas ás súa resolución de 640 x 480 píxeles en só 2,8 polgadas), 768 Mb de RAM para garantir un funcionamento fluído, trackpad óptico, 8 Gb de almacenamento integrado ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb, cámara de 5 Mpíxeles con gravación de vídeo a 720p, acelerómetro, compás dixital, sensor de proximidade, GPS, W-Fi dual (nas bandas dos 2,4 e dos 5 GHz), Bluetooth 2.1, tecnoloxía NFC, unhas medidas de 115 x 66 x 10,5 milímetros e un peso de 130 gramos.
Grazas á tecnoloxía NFC, coa que tamén conta o móbil Nexus S, ábrense novas posibilidades na comunicación con accesorios ou a lectura de etiquetas NFC para acceder a contidos na web; a combinación de cámara, GPS e compás tamén facilita o uso de aplicacións de realidade aumentada; e o novo sistema operativo BlackBerry 7 permite aproveitar as melloras desta novo hardware, mellora o rendemento na execución de JavaScript e mellora o soporte de HTML5 no seu navegador web. Tamén integra BlackBerry Balance, o que permite separar no mesmo terminal a información persoal da corporativa.
Os terminais BlackBerry Bold 9900 incluirán unha versión completa de Docs To Go con todas as características premium activadas, o que facilita o traballo con documentos de Word, Excel e PwerPoint no móbil, así como a lectura de ficheiros PDF
Este novo móbil debería estar dispoñible de xeito global a primeiros de verán.

PUBLICIDADE