Blackmagic estrea unha cámara RAW 6K compacta
venres, 9 de agosto do 2019
O ano pasado Blackmagic
Design lanzou unha cámara RAW 4K compacta que actualmente véndese a 1.175
euros, e agora decidiron levar esta proposta un paso máis aló, comercializando
unha versión que chega a unha resolución 6K cun prezo de 2.255 euros, o que
continúa a ser un prezo moi agresivo para un produto orientado a gravación de
vídeo profesional.
A Blackmagic Pocket Cinema 6K é unha cámara cinematográfica de mano, con sensor
Super 35 HDR 6K, 13 pasos de rango dinámico, montura EF e un valor ISO nativo
dual máximo de 25 600 que ofrece un rendemento excelente en situacións de baixa
luminosidade. Está baseada no modelo anterior, pero ao integrar un sensor máis
grande consegue unha maior resolución de imaxes, e ao contar con montura EF é
compatible cunha ampla gama de obxectivos de distintos fabricantes (Canon, Zeiss,
Sigma, Schneider...).
Esta nova cámara grava vídeo até unha resolución de 6.144 x 3.456 píxeles en RAW
de 12 bits para que logo poda realizarse a postprodución sen perda de calidade
e podendo realizar toda unha ampla gama de axustes. A resolución completa pode
gravar até 50 imaxes por segundo, pero en resolución 2,8K pode chegar até 120
imaxes por segundo. As gravacións poden realizarse en tarxetas CFast e SD UHS/II,
ou incluso en discos duros externos a través un porto USB-C.
A cámara ten unha pantalla táctil de 5 polgadas que amosa numerosa información
durante a filmación, e no que a portos se refire, conta con saída HDMI tipo A
(compatible con HDR), entrada mini XLR con alimentación phantom de 48 V,
entrada de audio de 3,5 mm, saída de auriculares e conector para corrente
continua.
Un produto moi interesante para producións independentes, documentais ou blogs,
que consegue resultados de acabado profesional, pero nun formato moi compacto,
o que permite reducir enormemente os custos do equipamento a empregar nas
rodaxes.