Blink XT2, a nova cámara de seguridade sen fíos para exteriores de Amazon

xoves, 9 de maio do 2019 Marcus Fernández

Amazon mercou a marca de cámaras de seguridade Blink, e agora anuncian o primeiro modelo que vai estrearse tras tal adquisición, a Blink XT2, unha revisión da anterior cámara de vixilancia para exteriores, que destaca principalmente por reducir o seu prezo considerablemente, de xeito que sairá á venda nos EE.UU. o vindeiro día 22 por 89,99 dólares (99,99 dólares incluíndo o módulo de sincronización), aceptándose xa reservas deste interesante produto.
No mercado existen numerosas cámaras de vixilancia sen fíos, pero este modelo é especialmente atractivo xa que é capaz de soportar as inclemencias meteorolóxicas (permitindo a súa instalación en exteriores) e funciona cun par de baterías AA que permitirían unha autonomía de até 2 anos, o que simplifica moito a súa instalación e mantemento.
A Blink XT2 conta con audio bidireccional (ou sexa, que serve tanto de micrófono como de altofalante, facilitando así a comunicación remota cun visitante), inclúe almacenamento de imaxe e vídeo na nube, conta con visión nocturna, pode recoller vídeo cunha resolución de até 1.080p, conta con tecnoloxía de detección de movemento con axustes que evitan moitas falsas alarmas e, como punto forte, aparte de poder accederse aos contidos captados pola cámara dende o móbil tamén é controlable por Alexa, de xeito que podemos ver directamente as súas imaxes a través dun Echo Spot, dun Scho Show ou dun Fire TV.
Os produtos da marca Blink están dispoñibles dende España, pero polo momento non comercializados directamente pola propia Amazon (que só fai como intermediaria), algo que entendemos que pode mudar nos vindeiros meses, xa que cada vez son máis os produtos que chegan ao noso territorio tirando proveito dos asistentes de voz que se estrearon en España o ano pasado.

PUBLICIDADE