Bluebird anuncia os seus primeiros smartphones con Windows Embedded 8 Handheld

luns, 20 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

JPEG - 67.5 KB
O BM180 sorprende por ser o primeiro móbil en comercializarse con Android ou con Windows Embedded 8 Handheld

A compañía de dispositivos móbiles para uso profesional Bluebird anunciou a dispoñibilidade dos seus novos terminais BM180 e BP30, que destacan especialmente por funcionar con Windows Embedded 8 Handheld, unha versión de Windows Phone 8 que non só é compatible coas solucións empresariais de Office ou Lync, senón que integra funcionalidades de seguridade e administración precisas para os contornos corporativos e que, desta volta, buscan integrar nun único dispositivo as comunicacións de voz e datos e o sistema de pagamentos con tarxetas bancarias (os móbiles integran lector de tarxetas).
O Bluebird BM180 é un smartphone con pantalla de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador de dobre núcleo a 1,5 GHz, 1 Gb de RAM (con opción para 2 Gb), 16 Gb de almacenamento interno, scanner 2D, RFID, lector de tarxetas bancarias (opcional), deseño reforzado, batería de 3.000 mAh, un grosor de 16,7 milímetros e un peso de 261 gramos que en breve comercializarase con Windows Embedded 8 Handheld, o que pode resultar abraiante xa que actualmente véndese con Android 4.2.
Espérase que durante este ano varios fabricantes lancen terminais con Windows Embedded 8 Handheld, sendo Bluebird posiblemente o primeiro en comercializar este tipo de produtos para o ámbito profesional.

JPEG - 86.8 KB
O Bluebird BM180 pode empregarse como terminal de punto de venda

PUBLICIDADE