Blusens presenta novos televisores eficientes enerxeticamente e con gravación de TDT
xoves, 6 de maio do 2010
A compañía galega de electrónica de consumo Blusens
introduce o concepto de ECO Efficiency
para identificar unha nova gama de televisores cunha
redución de consumo de ata un 50% e que consumen menos de 1 W en repouso, que comezarán
a chegar ao mercado na segunda metade do mes. Estes produtos tamén contan cun
empaquetado redeseñado para optimizar o seu tamaño, para minimizar o uso de
materiais na súa produción, reducindo así tanto o consumo enerxético na súa
fabricación coma os custos loxísticos (e, en consecuencia, provocando menores
emisións de CO2 á atmosfera).
Pero ester televisores non utilizan só o factor ecolóxico coma baza para
convencer a potenciais clientes, senón que tamén «inclúen prestacións avanzadas como a gravación e a reprodución
multimedia» segundo declaracións de Miguel Churruca, responsable de
Marketing de Blusens Global Corporation.
Dentro desta liña de televisores ecolóxicos temos en primeiro lugar o Blusens
M97, que é un modelo de 19 polgadas capaz de recibir e gravar TDT de
alta definición a través de USB, porto tamén empregado para a reprodución
multimedia, mentres que os
modelos M98 comparten prestacións en tamaños de 22, 24 e 32
polgadas.
Máis avanzados son o televisor Blusens
M99 (con pantalla de 1.366 x 768 píxeles en tamaños de 19 e 22
polgadas) e
M100 (con pantalla Full HD en tamaños de 22 e 24 polgadas) que
gravan e reproducen contidos a través de USB á vez que tamén incorporan un
reprodutor de DVD.