Boa acollida británica para os terminais BlackBerry Q10
martes, 30 de abril do 2013
- O pasado venres en Vigo xa se podía ver o novo BlackBerry Q10 co gallo dun obradoiro sobre BlackBerry 10
Tras unha fría recepción no mercado do BlackBerry Z10, o
móbil con pantalla táctil co novo sistema operativo BlackBerry 10, daba a
impresión de que os incondicionais de RIM estaban a agardar ao seu novo
smartphone con teclado físico, o BlackBerry Q10, que si parece estar a ter unha
mellor recepción, pois a súa fin de semana de lanzamento no Reino Unido parece
ser todo un éxito, con milleiros de unidades por hora vendidas na
cadea de tendas Selfridges, converténdose no produto de electrónica de
consumo máis vendido na historia desas tendas e esgotando
nun par de horas as existencias iniciais nos establecementos de Londres,
Birmingham e Manchester.
Ao parecer, este inicio explosivo do BlackBerry Q10 podería estar provocado
pola compra masiva por parte de exportadores, que estarían a adquirir lotes de
máis de 20 terminais (de feito, nas tendas de Carphone Warehouse dentro da
cadea Selfridge tiveron que formar dúas colas para atender por separado aos
clientes que querían mercar unha ou varias unidades).
De todos os xeitos, non podemos esquecer que Selfridges non é unha cadea
popular precisamente pola venda de telefonía móbil, polo que os seus rexistros
de vendas serían pouco significativos, e o que parece confirmado é que os
terminais Q10 non chegaron a esgotarse realmente, podendo conseguirse con certa
facilidade.
Tamén podemos lembrar que o BlackBerry Q10 é un smartphone co último sistema
operativo de BlackBerry, que conta con teclado físico QWERTY, pantalla de 3,1
polgadas cunha resolución de 720 x 720 píxeles, procesador de dobre núcleo a
1,5 GHz, 2 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, saída micro HDMI, cámaras
de 8 e 2 Mpíxeles, conectividade 4G, NFC, GPS, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0, batería
de 2.100 mAh, un grosor de 1,04 centímetros e un peso de 139 gramos, sendo o
seu prezo de venda libre no Reino Unido de 579,99 libras esterlinas (684,40
euros).