Boa acollida chinesa do móbil Meizu MX

luns, 2 de xaneiro do 2012 Marcus Fernández

JPEG - 103 KB
As tendas de Shenzhen rexistraron grandes colas para facerse co Meizu MX

Os móbiles chineses están a comezar a marcar a diferenza, abandonando a súa sona de dispositivos de baixa calidade, limitándose a terminais 2G que imitan a aparencia externa de móbiles populares doutras marcas, e pasando a converterse en obxectos de deseño no seu mercado, como demostrou o lanzamento esta fin de semana do Meizu MX, un terminal do que xa adiantamos detalles en abril, e que finalmente confirmouse como un excelente produto.
A chegada do Meizu MX ás tendas provocou grandes colas nas tendas de Shenzhen, Beijing, Guangzhou e Hong Kong, con centos de persoas que querían facerse con este móbil con Android por 2.999 iuans (367,64 euros), mentres que o seu modelo anterior (o Meizu M9) pasar a venderse por 1.699 iuans (208,28 euros). Ambos dispositivos contarán con actualizacións a Android 4.0 (o Meizu MX inclúe inicialmente Android 2.3.5).
O Meizu MX funciona cun procesador de dobre núcleo a 1,4 GHz, ten conectividade pentabanda con soporte de HSPA+ de ata 21,6 Mbps, ten 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno, pantalla de 4 polgadas cunha resolución de 960 x 640 píxeles, cámara frontal VGA para videoconferencia e cámara traseira de 8 Mpíxeles capaz de gravar vídeo a 1.080p a 30 cadros por segundo, micro USB, conector MHL (para conectar o móbil por HDMI a un televisor), funciona con tarxetas micro SIM (coma os iPhone 4/4S), ten un grosor de 10,3 milímetros e pesa 139 gramos.

PUBLICIDADE