Branch, unha nova solución para engadir portos ao novo MacBook

luns, 29 de xuño do 2015 Marcus Fernández

A aposta do novo MacBook polos portos USB-C foi un tanto radical, por incluír un único porto para todo no equipo, o que fai que proliferen adaptadores para poder ampliar a súa conectividade como o Hub+, e agora o Branch, posiblemente a opción máis atractiva polo seu deseño compacto, e que estes días está a buscar financiamento a través de Kickstarter, de xeito que o 31 de xullo comezaría o seu envío aos seus mecenas, que poden facerse cunha versión básica por 59 dólares ou por 119 dólares para unha versión que integra tamén unha unidade USB de 64 GB.
Este accesorio para o novo MacBook conéctase á toma USC tipo-C do equipo e incorpora un porto USB-C pensado principalmente para cargar o equipo mentres poden usarse o resto de portos, que serían 2 USB 3.0 e un HDMI con soporte de ultra alta definición. Para casar ben co MacBook, o Branch é lixeiramente máis delgado e comercializarase nas mesmas tres cores que o portátil de Apple.

O Branch terá unhas dimensións aproximadas de 82 x 19 x 11 milímetros (lixeiramente máis delgado que o novo MacBook).

PUBLICIDADE