CT xunta forzas cunha manchea de empresas galegas para impulsar a presenza de drons na enerxía eólica

xoves, 30 de decembro do 2021 S. P.

A empresa CT Ingenierios, cuxa presenza galega está radicada en Narón e en Pontevedra, lidera un proxecto para converter a Galicia nun referente en tecnoloxías de xeración enerxética aerotransportada. Estes recursos coñécense co acrónimo AWES (polas súas siglas en inglés) e complemementan e impulsan sectores de produción sustentábel como o eólico (consiste basicamente en substituír as torres dos muíños por un cable e as pas por un vehículo aéreo non tripulado coa feitura dun papaventos flexíbel ou un dron de grandes dimensións).
En concreto, CT lidera o proxecto DroneGen, integrado por un amplo e referencial abano de empresas e entidades galegas, entre as que se atopan o Instituto Tecnolóxico de Galicia, Delta Vigo, Axter Aerospace, Centro Tecnolóxico Gradiant, Enaire, Aimen Centro Tecnolóxico, Signal Software, CATEC e a Universidade de Vigo. Os días pasados celebrouse a que sería a primeira reunión de traballo do grupo. Segundo explicaron, as tecnoloxías AWES xeran enerxía eléctrica empregando o impulso do vento, traballando a gran altitude e abranguendo técnicas tradicionais e propias da enxeñería eléctrica e a aeronáutica con outras máis innovadoras vencelladas aos drons e a dinámica de cables.
Na reunión de traballo estivo presente o Consorcio Aeronáutico Gallego, da man do seu presidente, Enrique Mallón, quen destacou a importancia da creación deste grupo de traballo para polarizar a industria aeronáutica en Galicia: “O grupo creado xunta capacidades técnicas, tecnolóxicas e de produción, que o poden converter en proxecto tractor; especialmente nun momento histórico no que a enerxía é un vector fundamental para a industria”.

PUBLICIDADE