Cámara compacta reforzada de Olympus

venres, 17 de xullo do 2009 Marcus Fernández

De cara ás vacacións de verán Olympus anunciou unha nova cámara fotográfica dixital compacta resistente a golpes, auga e frío cun sensor de 12 Mpíxeles, zoom óptico de 3,6x, pantalla LCD de 2,7 polgadas, estabilizador de imaxe dual, sensibilidade ISO de ata 1.600 e compatible con tarxetas de memoria xd-Picture e microSD. Esta nova cámara véndese dende este mes no Reino Unido por 299,99 libras (345,82 euros) sendo de gardar que en breve tamén estea dispoñible no resto de Europa.
A Olympus µ Tough-6010 resulta ideal para viaxes familiares e actividades deportivas, xa que a súa carcasa reforzada soporta golpes e caídas a metro e medio de altura, temperaturas de ata 10 graos baixo cero e somerxerse na auga ata 3 metros de profundidade.
A cámara tamén inclúe tecnoloxía de detección de caras que detecta ata 16 persoas, grava vídeo a 640 x 480 a 30 imaxes por segundo e véndese en 3 cores distintas (gris titanio, azul turquesa e vermello lava).

PUBLICIDADE