Can de Palleiro: novo espazo de discusión galego libre e participativo

mércores, 3 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Se tivésemos que falar dunha nova xeración de galegos que apostan polo cambio social (deixar atrás de xeito definitivo o caciquismo), a defensa da súa identidade (cultura, paisaxe, lingua), o traballo colectivo (ombro con ombro recollendo fuel nas praias ou manifestándose contra o lume) e o espírito crítico perante calquera partido político, probablemente –no caso de que existise de verdade esta xeración– teriamos que engadir outro fío invisible que os vincula: o emprego da Rede participativa.
Froito de todo isto e de moito máis ben podería ser a aparición de iniciativas en liña como Can de Palleiro, que virían a darlle a razón ós que insisten na existencia desta grea de galegos e galegas “post-Prestige” (sendo o Prestige a pinga que rebordou o vaso).
O nome desta proposta xa o di todo: non é casual que se elixa a figura deste can de raza galego desprestixiado durante séculos e que agora aparece como un símbolo do que perdemos, ou do que estamos a piques de perder.
Trátase dunha iniciativa 2.0, unha iniciativa wiki, o que quere dicir que bebe das mesmas fontes dos blogs colectivos, as enciclopedias abertas como a Galipedia ou mesmo o software libre.
É dicir: estamos perante o traslado á rede do espírito da mancomunidade. Polo tanto, calquera pode opinar en liñas abertas de discusión, abrir outras novas ou achegar creacións artísticas ou literarias. O obxectivo dos responsables de Can de Palleiro (científicos, artistas e emigrantes galegos) é converter este sitio nun lugar independente de análise colectiva da situación política, económica e cultural de Galiza, tratando en todo momento de achegar solucións ós problemas.
En palabras dos seus creadores, estamos perante “un espazo aberto para reclamar, protestar e denunciar actividades que atenten contra Galiza: o seu ecosistema, cultura e tradición”.
Asemade, déixase unha importante marxe para unha tarefa que se cadra non levamos á práctica todo o que sería conveniente: a autocrítica. Como dixemos, este espazo web fica aberto a tódolos internautas e as súas opinións, sempre e cando respecten os restantes puntos de vista.

PUBLICIDADE