Canon confirma que está a traballar nunha cámara EOS R capaz de gravar en 8K

venres, 11 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Canon entrou no mundo das cámaras sen espello de fotograma completo coa súa EOS R, iniciando unha competición con outros fabricantes que resulta interesante por poder marcar o futuro da fotografía dixital e da que agora sabemos máis detalles grazas a unha entrevista para Imaging Resource, na que YoshiYuki Mizoguchi, alto executivo de Canon, recoñece que teñen previsto introducir unha cámara capaz de gravar vídeo en 8K dentro da familia EOS R.
Aínda que Canon xogase un papel relevante na gravación de vídeo Full HD con cámaras réflex, no caso do 4K quedou bastante atrás, e o feito de que vaian atreverse a introducir a gravación de vídeo 8K transmite a mensaxe de que queren manterse nun posto pioneiro e así manter a confianza dos usuarios, evitando a fuxida a fabricantes como Sony (que está a ter un éxito considerable coa súa liña de cámaras sen espello de fotograma completo).
Mizoguchi tamén asegura que están a traballar en varios modelos de cámaras da familia EOS R, de xeito que incluso contarán con algún modelo destinado ao público afeccionado, facendo máis accesible a calidade de imaxe que ofrecen as cámaras full frame.

PUBLICIDADE