Canon fai máis accesible a gravación de vídeo estereoscópico inmersivo

mércores, 30 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Hai tres anos Canon sorprendeu co lanzamento dun obxectivo de ollo de peixe dual para cámaras Canon EOS R5 que facilitaba a gravación de vídeo estereoscópico envolvente, ou sexa, para crear contidos pensando no seu consumo a través de visores de realidade virtual, pero este obxectivo tiña un prezo superior aos dous mil euros, mentres que as cámaras para a que está deseñado tiñan prezos de entre 3.500 e 5.000 euros, facendo que a barreira de entrada para a gravación de contidos envolventes fose algo elevada.
Pero agora que están no mercado as Apple Vision Pro e os visores Meta Quest teñen certa popularidade, tiveron a ben ofrecer unha solución moito máis asumible, co obxectivo Canon RF-S 7.8mm F4 STM Dual Lens, orientado a cámaras APS-C como a Canon EOS R7, de xeito que cun obxectivo que custa uns 579 euros e unha cámara que pode atoparse por 1.489 euros poderiamos conseguir unha solución de gravación de contido audiovisual para visores de VR.
Cómpre salientar que esta solución é moito máis limitada que a primeira proposta de Canon, xa que a cámara empregada grava vídeo en 4K e a separación das lentes do obxectivo dual é moi cativa, polo que os resultados conseguidos estarían limitados en resolución e a elementos filmados a curta distancia (recomendan distancias de entre 0,15 e 0,5 metros).
Do que si presume Canon é das facilidades de software que dá para que coas súas solucións poida crear contido compatible cos visores de Apple e Meta sen grandes complicacións, para o que contan con ferramentas de conversión de vídeo, así como un engadido para o Premiere Pro (o que fai moi doado traballar cos vídeos gravados coas solucións desta marca).
Dado que o novo obxectivo só pesa 130 gramos, e a cámara ten un peso de 530 gramos, estamos ante unha solución moi lixeira e compacta, que pode transportarse comodamente, polo que abre as portas a moitos tipos de gravacións inmersivas que non se realizarían de ter que contar cunha cámara voluminosa como a que propón Blackmagic Design.

Vídeo de presentación do novo obxectivo de Canon