Carballo recunca cos seus concorridos obradoiros sobre como manexar os dispositivos móbiles

martes, 28 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

O Concello de Carballo está a preparar un 2020 ateigado de formación tecnolóxica. Sen ir máis lonxe, este xaneiro puxo en marcha (por segundo ano) un programa de cursos para mostrar á veciñanza como tirar o máximo proveito dos seus teléfonos móbiles. O prazo de inscrición está aberto ata fin de mes nos centros sociais das parroquias, na Casa do Concello e na sede da Cruz Vermella, que colabora na iniciativa. O obxectivo do Goberno local é seguir o ronsel de éxito da anterior experiencia formativa, a de 2019, na que participaron case 300 persoas de practicamente todas as parroquias do concello.
Como dixemos, as persoas interesadas en participar nos cursos de manexo dos teléfonos móbiles poden inscribirse ata o 31 deste mes cumprimentando a ficha habilitada na web do Concello, e que tamén está dispoñíbel na Casa do Concello, nos centros sociais das parroquias e na sede da Cruz Vermella. En cada grupo poderán participar 15 persoas, dado que se trata dunha formación moi personalizada, e, como o ano pasado, impartiranse 3 sesións de dúas horas de duración cada unha.

PUBLICIDADE