Chega a España a última pulseira de actividade de Xiaomi
mércores, 22 de xuño do 2022
Hoxe
chegou a España oficialmente a Xiaomi Smart Band 7
a un prezo
de lanzamento promocional de 49,99 euros, converténdose na pulseira de
actividade máis completa do fabricante chinés, que mantén no seu catálogo
versións de xeracións anteriores a prezos bastante económicos (a Mi Smart Band 4C ten un
prezo oficial de 19,99 euros), estratexia coa que consegue dominar o mercado
deste tipo de dispositivos.
Esta nova pulseira de Xiaomi destaca pola súa xenerosa pantalla AMOLED de 1,62
polgadas con máis dun cento de deseños personalizados, correas de cores, monitorización
da frecuencia cardíaca, monitorización do nivel de osíxeno en sangue durante
todo o día, supervisión do sono, máis de 110 modos de deporte, resistencia á
auga de até 5 atmosferas e unha batería cunha autonomía de até 14 días de uso
normal (ou 9 días de uso intensivo).
Aparte das funcións de actividade física, a Smart Band 7 tamén serve para
recibir notificacións do smartphone, desbloquear o teléfono, consultar o
prognóstico do tempo ou incluso para axudar a buscar o teléfono en caso de
perdelo.