Chega a España o Lumia 830, integrando cámara PureView nun grosor de só 8,5 milímetros

venres, 3 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O mes pasado Microsoft presentou o que podería considerarse como o seu novo smartphone insignia asumible, que combina as prestacións propias dos terminais de máis alta gama, pero axustando o seu prezo. O novo teléfono, o Lumia 830, chega así cunha magnífica cámara traseira PureView de 10 Mpíxeles, co sistema de estabilización óptica de imaxe máis delgado e lixeiro da súa serie, polo que consegue unhas fotografías de luxo sen ter que engordar excesivamente o dispositivo (como acontece co Lumia 1020). E este esperado smartphone por fin chega a España, vendéndose dende mañá mesmo a un prezo recomendado de 419 euros (sendo posible atopalo xa por debaixo dos 400 euros).
O Lumia 830 conta cunha pantalla IPS de 5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles, procesador Qualcomm Snapdragon 400 de catro núcleos a 1,2 GHz, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 128 Gb), cámara frontal con grande angular de 0,9 Mpíxeles, receptor de radio FM, Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, NFC, LTE, carga sen fíos, batería de 2.200 mAh, un grosor de 8,5 milímetros e un peso de 150 gramos. En vista destas prestacións, podería considerarse como unha versión compacta do vello Lumia 920, ao que mellora en cámara, pero co que se diferencia principalmente no grosor e o peso (que no vello teléfono eran de 10,7 milímetros e 185 gramos respectivamente).
O novo smartphone funciona coa última actualización de Wndows Phone 8.1 (Lumia Denim), o que permítelle gozar de numerosas prestacións que aínda non chegaron oficialmente a outros dispositivos co sistema operativo móbil de Microsoft.


Vídeo de demostración do Lumia 830

PUBLICIDADE