Chega a España o Nokia Lumia 520 a un prezo libre de 179 euros

luns, 8 de abril do 2013 Marcus Fernández

O Lumia 520 pode mercarse en cinco cores distintas

O móbil con Windows Phone 8 máis accesible en prezo do mercado chega finalmente a España, podendo xa encargarse o Nokia Lumia 520, comercializado con contrato a través de Vodafone (compañía coa que sae de balde para as tarifas RED Pro e Base Pro con contas mensuais que parten dos 15 euros) e no mercado libre a través das tendas de The Phone House e incluso en Amazon.es (onde agardan ter unidades deste móbil o vindeiro venres) a un prezo de venda recomendado de 179 euros (IVE incluído), o que considérase un prezo moi axustado, pois estamos ante un móbil que achega unha experiencia de uso superior aos móbiles con Android que están en tal rango de prezo.
O Nokia Lumia 520 está dispoñible en amarelo, vermello, azul ceo, branco e negro, con carcasas intercambiables e coa meirande parte das prestacións que dan sona á familia Lumia, como unha pantalla táctil supersensitiva (capaz de funcionar coas luvas postas) e o software exclusivo de Nokia para móbiles con Windows Phone 8.
Este novo móbil funciona cun procesador Snapdragon S4 de dobre núcleo a 1 GHz, 512 Mb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb, cámara de 5 Mpíxeles con gravación de vídeo a 720p, USB 2.0, Bluetooth 3.0 e batería de 1.430 mAh. Entre as súas posibilidades están o poder empregar lentes dixitais nas súas fotografías (con funcionalidades de disparo intelixente, fotografías panorámicas e moitas outras), acceso ao servizo musical Nokia Mix Radio, mapas e navegación GPS de balde (coa posibilidade de funcionar sen acceso á Rede) e, en definitiva, gozar do sistema operativo móbil de Microsoft e da súa boa integración con numerosos servizos ao redor de Windows e a Xbox 360, así como das plataformas sociais máis populares.