Chega a España un tablet con Windows 8.1 de Prestigio que opta por procesadores Intel Celeron de 64 bits
venres, 17 de xaneiro do 2014
A oferta actual de tablets con Windows 8.1, que veñen a ser
en resumidas contas ordenadores completos en formato de tablet, están a
conseguir uns prezos moi axustados grazas aos novos procesadores de Intel, e un
dos produtos desta categoría que chega
agora á España da man da distribuidora Tech Data é o MultiPad
Visconte de Prestigio, que en vez de apostar por un procesador Intel Atom
porta por un Intel Celeron de 64 bits e dobre núcleo a 1,46 GHz, co que
consegue ata o dobre de rendemento de procesador e ata o triplo de rendemento
gráfico.
Este atractivo equipo conta cunha pantalla IPS de 10,1 polgadas cunha
resolución de 1.280 x 800 píxeles, 2 Gb de RAM, 32/64 Gb de almacenamento
interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 64 Gb), un porto micro
USB 3.0, HDMI, Bluetooth 4.0, opción con 3G, cámara frontal de 1 Mpíxel,
batería de 4.000 mAh (que promete ser dabondo para un día de traballo en
mobilidade), un grosor de 9,9 milímetros e un peso de 550 gramos.
Aparte de contar cun modelo con conectividade móbil, tamén destaca por contar cunha
funda con teclado Bluetooth que non esquece un touchpad e unha posición que fai
de soporte, convertendo o tablet nun ordenador portátil.
O MultiPad Visconte está á venda no seu modelo con Wi-Fi e 32 Gb de
almacenamento por 399 euros e con 64 Gb de almacenamento por 429 euros, podendo
incorporarse o 3G a cadanseu modelo por 70 euros adicionais, mentres que por
outros 100 euros máis podemos facer que, en vez de incluír Windows 8.1 na súa versión
básica integren Windows 8.1 Pro (pensando na súa integración en contornos
corporativos). Todos estes equipos inclúen Microsoft Office 2013, polo que son solucións
moi válidas tanto para a empresa como para escolares.
- Ao tablet é posible colocarlle unha funda con teclado e touchpad para convertelo nun portátil completo