Chega a Indiegogo a Chuwi SurBook
luns, 29 de maio do 2017
Hai un
mes o fabricante chinés Chuwi anunciaba que estaba
a ultimar a campaña de micromecenado a través da que lanzar a súa grande
alternativa á Surface Pro de Microsoft, a nova Chuwi SurBook, que
finalmente veu
a luz en Indiegogo, plataforma na que superou a súa meta de financiamento rapidamente,
e na que está a ter moi boa aceptación, xa que facilita a compra dun produto
moi completo a prezos moi axustados, prevéndose a súa entrega aos mecenas a
partires do mes de xullo (chegando de sobra antes da volta ao cole).
A Chuwi SurBook é unha tableta con Windows 10 que busca rivalizar tanto coa
mencionada Surface Pro como co iPad Pro, e aínda que o seu procesador Intel
Celeron N3450 estea bastante lonxe da potencia destes produtos, o resto de
prestacións parecen compensar bastante ben esta eiva. Temos unha pantalla
táctil de 12,3 polgadas cunha resolución de 2.736 x 1.824 píxeles que pode
manterse sobre a mesa en distintas inclinacións grazas a unha peaña integrada;
e para gozar do seu potencial total pode engadírselle unha delgada
funda-teclado (retroiluminado) e un lapis dixitalizador.
O equipo é bastante xeneroso coa súa RAM (6 GB) e ofrécese con 64 ou 128 GB de
almacenamento (que pode ampliarse mediante tarxetas microSDXC). Tamén conta con
Wi-Fi AC e Bluetooth 4.0 para unha boa conectividade, cámaras de 5 e 2 Mpíxeles
e unha batería de 10.000 mAh promete unha autonomía de até 8 horas. Carece de
ventilador para un funcionamento silencioso e incluso coida os seus portos
incluíndo tanto un USB-C como 2 USB 3.0 (tipo A).
A Chuwi SurBook tamén quere dar una aparencia de calidade, polo que opta por
unha carcasa de metal, e aínda que o seu grosor (9,4 milímetros) e o seu peso
(967 gramos) está lixeiramente por enriba dos seus competidores, son o
suficientemente axustados como para que resulta moi manexable e transportable,
aínda que o máis atractivo do produto segue a ser o seu prezo, que parte dos
299 dólares (267 euros) para a tableta con 64 GB de almacenamento até os 399
dólares (357 euros) da tableta con 128 GB de capacidade incluíndo teclado e
lapis dixitalizador, sendo esta última opción a que resulta especialmente
atractiva, por custar bastante menos da metade dos produtos cos que compite. Os
prezos indicados inclúen os gastos de envío, aínda que cómpre destacar que é
posible que os mecenas teñan que facer fronte a aranceis.
Vídeo promocional da Chuwi SurBook