Chega ao mercado o primeiro smartphone con lector de pegadas en pantalla
xoves, 25 de xaneiro do 2018
Levamos meses escoitando falar dos sensores de pegadas dixitais
detrás da propia pantalla do smartphone, e finalmente o primeiro produto deste
tipo chega ao mercado, pois xa
pode mercarse o Vivo X20 Plus UD en China a un prezo de 3598 iuans (458
euros), o que deixa claro que estamos ante un dispositivo que busca competir
cos grandes smartphones doutros fabricantes.
Este interesante teléfono funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 660, 4 GB
de RAM e 128 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD),
a súa batería ten unha capacidade de 3.905 mAh, na súa parte traseira presume
de dobre cámara de 12 Mpíxeles, a cámara frontal confórmase cun sensor de 5
Mpíxeles, pero o punto forte deste smartphone sería a súa pantalla de 6,43
polgadas cunha resolución de 2.160 x 1.080 píxeles tras a que se agocha un
lector de pegadas dixitais que serve para desbloquear o terminal, aínda que tamén
conta con software de recoñecemento facial para facer o mesmo.
Non parece que vaiamos ver este produto nos mercados internacionais, pero a
tecnoloxía de lectura de pegadas dixitais si poderán empregala outros
fabricantes, aínda que neste modelo detectaron que o sensor podería ter algún pero: a detección de pegadas non parece
levarse ben con protectores de pantalla.
- O lector de pegadas está situado na parte inferior da pantalla, aproveitando que os usuarios están afeitos a tal posición