Chega ao mercado un dos tres modelos do bq Aquaris E5

venres, 6 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Adiantándose ao resto de versións do Aquaris E5 (que chegarán ao mercado na primeira quincena de xullo), o bq Aquaris E5 HD xa pode atoparse nas tendas físicas (ou na propia tende en liña do seu fabricante) aspirando a converterse en todo un referente no mercado español pois cun prezo de 199,90 euros achega un terminal potente con pantalla IPS de 5 polgadas de alta definición (cunha resolución de 720 x 1.280 píxeles) e soporte para dúas tarxetas micro SIM simultáneas.
Estamos ante un móbil con Android 4.4 que promete un bo desempeño grazas ao seu procesador MediaTek de catro núcleos a 1,3 GHz, 2 Gb de RAM e 16 Gb de almacenamento interno (ampliables mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb); busca conseguir unhas boas imaxes a través das súas cámaras de 13 e 5 Mpíxeles; goza de Bluetooth 4.0, Wi-Fi N, 3G e batería de 2.500 mAh; e consegue conter o seu grosor en 8,65 milímetros e o seu peso en 134 gramos polo que é un dos smartphones máis equilibrados para o que busque un terminal de grande tamaño cun prezo reducido. Ofrécese tanto en cor branca como negra.

PUBLICIDADE